jueves, 15 de enero de 2009

Antón Cortizas Amado




O día catro de febreiro pasará unha xornada connosco o escritor e mestre ferrolán Antón Cortizas.Aló polo ano 1954, cando as follas das árbores caían no chan, eu caín tamén de non sei onde, e afortunadamente había unha cama debaixo. Debo ser moi nugallán porque dende aquela estou a nacer e aínda non acabei de facelo. A verdade é que che non vos teño moita presa.
De cativo dediqueime a brincar, xogar, argallar e facer os deberes, que non foi pouco.
De adolescente déuseme por namoriscar, por escribir cousas que ninguén me obrigaba e por vestirme de Atlántico, vestimenta que uso dende entón. E comecei a amar o meu país. A miña cultura galaica e a miña lingua untáronme todo coma se fosen un can cósmico (tal vez o can de Orión) que me lambese a alma cariñosamente. Tamén me comezaron a laiar as cousas todas e din en esgarabexar poesías como analxésicos.
Cando crin ser grande ocorréuseme converterme en rei, e dende aquela teño unha raíña e tres fillas que vos xuro que son para min como tres princesas de conto ben que por veces non o pareza.
De adulto quixen cambiar o mundo, pero decateime de que non podía porque non se deixa. Entón púxenme a inventar historias, pero só de cando en vez, porque como iso non é o único que podo nin gusto de facer, moitas delas quedan esquecidas nos faiados da memoria.
¿E de vello? Gustaría de seguir nacendo ata converterme nun trasno amábel e contemplar o mundo sorrindo dende o silencio da Lúa. (Autobiografía)

No hay comentarios: