lunes, 26 de abril de 2021

Os Maios

 Este curso  como cada ano a finais de abril na nosa escola imos festexar o Maio.  Achegaremos a escola verdes (fiúnchos, fentos, xestas...)  e flores (margaridas, calas, rosas,...), laranxas e ovos baleiros para facer un Maio por ciclo o xoves. O venres verémolos todos xa rematados e preparados para que o alumnado máis vello da escola, en grupos burbulla e gardando a distancia de seguridade desfilen con eles polas rúas de Pontedeume para achegalos á Casa da Cultura e participar no concurso de Maios do Concello.

 Aquí tedes anacos de vídeos doutros anos onde podemos escoitar e aprender a "Danza do Biouteiro", cantiga tradicional que se adoita cantar por estas datas ano tras ano na nosa vila.





Xa pasou a festa! O noso cole arrecendía a flores e fiunchos, aprendemos os nomes das plantas tradicionais mentres as clasificabamos e poñiamolas no Maio. Todos os nenos e todas as nenas axudados polas mestras e mestres colaboraron na elaboración estas esculturas na honra da primavera, e do bo tempo e todos e todas contribuimos un ano máis a que esta tradición perdure na nosa vila.

Este ano non puidemos , todo o cole,levar os Maios en desfile  por mor da pandemia. O alumnado maior, de 5º e 6, foron levalos en grupos burbullas  ata a Casa da Cultura onde quedaron en exposición para que o 1ª de Maio puidera visitalos a veciñanza eumesa.

 

Exposición na Casa da Cultura o 1º de Maio.

 

Ollade nesta curtametraxe a actividade!

 

 A pesares da pandemia houbo concurso e os xuices repartiron premios a todos os Maios neste ano tan especial. Os premios ao non haber festa o 1 de Maio achegáronnolos á escola:

1º Premio, trofeo e diploma ao Maio Infantil (E. I ), 2º Premio trofeo e diploma ao Maio Couceirista, 3º Premio  trofeo e diploma ao Maio Colorido, Accesit con diploma ao Maio Floreado.








CLUB DE LECTURA: "O capitán Maimiño"

 O alumnado de 4º A e 4º B vén de rematar a lectura do libro de Antonio Fraga "O capitán Maimiño", coñeceron ao autor nun encontro virtual co que quedaron encantados e recibiron os parabéns do escritor ante o seu coñecemento da obra e as apreciacións sobre a mesma .

Se visitades o seu blog, premendo na imaxe, poderedes ver a entrada das valoracións de cadaquén sobre "O capitán Maimiño"




Agora están a comezar dentro do seu club de lectura "O misterio dos fillos de Lúa". É un libro de Fina Casalderrey publicado en 1995 pola Editorial S.M. O ano seguinte gañou o Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil de España. Foi incluído na Biblioteca Galega 120 e traducido ao castelán, ao catalán e ao bretón. Tamén, cando teñan a lectura xa máis avanzada recibirán á escritora.

Felicidades e a seguir lendo!!


Información da autora


Información do libro

martes, 20 de abril de 2021

Día do Libro

 Achégase o 23 de Abril e como cada ano Güino ten preparados actividades para esta semana e a vindeira.

Xa saberedes doutros anos, mais nunca está mal lembrar, a razón da desta data e non doutra calquera, xa que calquera día e bo para festexar a lectura,

A UNESCO decidiu celebrar conxuntamente o Día do Libro e dos Dereitos de Autor atendendo á casualidade de que a morte de Cervantes (o 23 de abril de 1616) se correspondía coa data do aniversario do nacemento e morte de William Shakespeare. Ese mesmo día tamén se conmemora a morte do primeiro escritor mestizo,  Garcilaso de la Vega.

Este ano o Día do Libro cae en venres, o sábado o poderedes  festexar coas vosas familias asistindo ás actividades que organiza o Concello e a Biblioteca Municipal. Sempre hai música, contacontos, postos das librarías,...  Seguro que aproveitades para que vos merquen algún libro como agasallo.

GÜINO tamén ten agasallos para todos nós como premio ás actividades que están a desenvolverse nas aulas e na biblioteca. Ollade o cartaz deste ano!




Xa levamos varios días preparando a festa. Nas aulas estamos a facer recomendacións para a clase veciña dentro da actividade "Dalle unha oportunidade a este libro"e recibindo a Güino que nos trae enredos sobre o PDI para achegar resoltos o Día do Libro.









Vídeo da visita de Güino ás aulas:


Chegou o gran día e cada clase preparou as súas recomendacións para a clase veciña, dentro da actividade "Dálle unha oportunidade a este libro". O alumnado de primaria pegou na cara interna da portada do seu libro favorito as razóns da súa recomendación; mentres, os nenos e as nenas de E. I. artellaron outros xeitos. Ollade:












Xa na "biblio" entregáronlle a Güino o reto resolto e comezaron as actividades :






 


Mentres  que nas aulas se realizaban as actividades previas para preparar os retos e as recomendacións, nas aulas de 1º, 3º e 4º preparaban contos para compartir cos nosos maiores das residencias da vila. 

Ollade a montaxe coas videoconferencias!

 

 Actividades dentro do "Xardín de Pasatempo"

 


Retos de Güino resoltos!







Parabéns! Foron uns días marabillosos!

domingo, 4 de abril de 2021

Máis novidades do proxecto

 Ao longo do 2º trimestre todas as aulas do cole, ademais de participar nas actividades comúns  dentro do PDI e das que xa vimos informando: Entroido Medieval, Día de Rosalía , Día da Muller...; desenvolveron actividades específicas dentro do seu grupo.

 De todos os produtos faremos a exposición a remates do curso, cada aula compartirá as súas experiencias e os coñecementos acadados con toda a Comunidade Educativa.

 Güino, o garda da nosa biblioteca, sempre curioso, estivo pescudando na marcha do PDI e tráenos as novas que atopou xa publicadas nos blogs dalgunhas clases.

O alumnado de ciclo medio queren promocionar a nosa vila no seu 750 aniversario e teñen novas na súa axencia de publicidade. 

Botádelle un ollo aos seus blogs premendo nas imaxes!
















O alumnado de terceiro ciclo continúa coa documentación para o encargo de Güino, ao tempo que xa están iniciando a elaboración do album ilustrado sobre o pasado de Pontedeume. Para documentarse ademais de consultar libros e páxina web, tiveron  videoconferencias e saídas pola vila e xa teñen varias páxinas redactadas e maquetadas logo de ordenar, seleccionar e ilustrar a  información  Ollade!


Preme!





Infórmate!

Canto estamos a aprender sobre "Pontedeume, a nosa vila" pescudando, redactando, debuxando, compartindo... 
Ánimo, que teñades un bo trimestre cheo de ricas vivencias. 
Seguiremos informando!