martes, 8 de diciembre de 2020

Neste Nadal: agasalla soños, agasalla libros!

Un ano máis chega o tempo de inverno e con el o tempo de estar na casa ao abrigo. Este ano ademais de abrigarnos do frío e dos temporais toca gardarnos da pandemia que aínda se resiste a deixar a nosa vila, polo que teremos máis tempo para estar na casa e soñar co mil e un mundo que nos agardan nos libros.

Güino recoméndanos: libros de misterio, de aventuras, de fantasía...; en galego, castelán, inglés e francés; libros para  os máis pequenos e para os maiores. Libros para toda a familia que xa enchen o moble de novidades da nosa biblioteca para que lles poidades botar un ollo antes de pedilos como agasallo nestas festas.




Cada aula poderá miralos no noso "Xardín do Paastempo" , sempre presentándoos o titor ou titora na súa hora de biblioteca ou  ben achegar a mestra ou o mestre os libros que vaia presentar ás aulas. 


Preme nas imaxes para ter máis información dos libros para os clubs de lectura de 4º, 5º e 6º de Primaria.


Club lectura 4º
Club de Lectura 5º
Club de Lectura 6º

Aquí vos deixamos as ligazóns a outras actividades de Nadal. As panxoliñas non puidemos cantalas pero si bailalas, podedes ver a da cada grupo e ata as dos profes premendo na imaxe.O EDLG coa colaboración de todas as aulas de E.P. e 6º de E.I. agasallou a todos e a todas cos xa clásicos almanaques de peto, este ano adicados a "Pontedeume, a nosa vila". Visitade o seu blog facendo clic na 2ª foto.



Boas Festas e Feliz Aninovo!

              

jueves, 3 de diciembre de 2020

Novidades do proxecto:

Dende esta  fiestra podemos achegarnos ás diferentes aulas do cole e compartir todas as pescudas, as vivencias e os coñecementos dos diferentes grupos.

Os máis pequenos de Primaria aproveitando a proposta do EDLG recolleron ditos e refráns propios da nosa contorna sobre os magostos e o xogo do peón, incorporándo esta recompilación ao traballo por proxectos. Ollade premendo na imaxe canto traballaron.


 

O alumnado de 4º realizou unha  Exposición On line  de  "Maquetas " de diferentes versións que fixo o alumnado da "Ponte de Pedra" ou "A Ponte de Ferro" para manifestar o noso orgullo polas pontes que tanto nos identifican como vila.  Preme na imaxe e infórmate!



As nenas e nenos de 5º están a traballar no medievo en Pontedeume e sentíronse poetas. Crearon, imitando as cantigas medievais,  versos e estrofas que falan de Pontedeume. Logo recitaron e gravaron para que poidamos escoitalar as súas cantigas.

Preme para escoitalas!


Así imos chegando  ao remate deste trimestre e axiña recibiremos, de mans do Concello, uns marabillosos libros para coñecer e colorear os edificios e recunchos máis significativos da nosa vila. Seguro que en xaneiro aproveitarémolos para as diferentes actividades nas aulas. Aquí tedes unhas imaxes para abrir boca!



Seguiremos informando!


miércoles, 25 de noviembre de 2020

Novidades de "Produción Propia"

 

 O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG)  coordinou a elaboración de materiais das diferentes festas do outono.

 Froito da esperiencia e da pescuda nas diferentes aulas naceron os libros que xa están no revisteiro de "Produción Propia" da nosa biblioteca achegados polo EDLG.

Para ista actividade na que colaboramos todo o alumnado e profesorado do centro, dividimos o traballo en ciclos: en Educación Infantil elaboraron uns cadernos con ilustracións sobre o peón (3 anos), o Outono (4 anos) e os nenos e nenas de 5 anos fixeron un debuxo sobre un conto de medo. No primeiro ciclo de Educación Primaria traballaron sobre refráns e ditos relacionados co peón. O segundo ciclo sobre a tradición e orixe do Magosto, e os alumnos e alumnas do terceiro ciclo elaboraron contos de medo.








Ollade os vídeos, elaborados polo euipo das TICs, coa presentación dos diferentes volumes. Están xenial cheos coas diferentes vivencias das festas do tempo do outono.





Moitas grazas a todos e a todas pola vosa participación e  ao EDLG pola súa valiosa achega .

lunes, 16 de noviembre de 2020

Día contra a Violencia de Xénero

 

A violencia machista

Trátase dunha violencia que afecta ás mulleres polo mesmo feito de selo.


Este curso dende a biblioteca propoñemos realizar actividades dentro das aulas respectando os grupos burbulla, polo que os actos serán máis íntimos o que terá a ventaxa de traballar mellor a reflexión aínda que non podamos compartilo como viñamos facendo ano tras ano.

Para abrir o diálogo sobre a violencia contra a muller por parte do home:


Coma sempre tedes bibliografía na biblioteca coa que poderemos abordar a temática axustandonos a idade das nenas e nenos de cada nivel.




Aquí vos deixamos un vídeo cuia mensaxe poderá chegar a todo o noso alumnado. Tedes tamén o libro no seu  andel do "Xardín de Pasatempo".



Unha cantiga optimista para encarar o futuro :


E agora a nosa proposta para que cada aula poda realizala axustándose ás características das nenas e nenos.

1º visualización desta curtametraxe:


Logo realizaremos barquiños de papel con a técnica amosada no seguinte vídeo ou doutro xeito, barcos grandes, pequenos, de papeis de cores, pintados...
Podemos colgalos das nosas fiestras ben abertas, nos fíos que xa temos nos ocos dos corredores, no teito das clases... para que leven os nosos soños con tesón e esforzo a destinos extraordinarios.


 Agardamos sementar no noso alumnado valores de respecto, igualdade, non violencia e ademais coas manualidades o noso cole lucirá ben bonito ao vaivén das nosas barquiñas cheas de soños para acadar un futuro mellor!

Hoxe 24 de NOVEMBRO podemos unirnos á proposta de Xunta: Realizarase unha transmisión a través da web do CESGA na que participarán centros de toda Galicia co obxectivo deste evento é conectar o maior número de centros educativos galegos ese día contra a violencia de xénero.

Podedes unirvos premendo na seguinte ligazón.:







domingo, 15 de noviembre de 2020

Chegaron os "Maletíns Viaxeiros"

 Un curso máis, e xa van moitos dende que comezaron a súa andaina no ano 2009,  as MOCHILAS volven viaxar ás casas dos nenos e nenas do Couceiro. 

A mochila viaxeira permite á biblioteca escolar o contacto coas familias nunha actividade que pretende a súa colaboración na formación dos lectores e lectoras máis novos.

Nenas e nenos son os embaixadores da biblioteca nas súas casas e comparten cos seus, grandes e pequenos, os libros, as revistas, a música cos que a mochila vai cargada.

Este ano en forma de" Maletíns Viaxeiros".

  






 A pandemia obriga a tomar as máximas medidas de precaución por iso cambiamos as mochilas por matetíns dun material máis fácil de desinfectar e ademais temos dous maletíns por aula. Cada semana viaxa  un mentres o outro queda en "corentena".

Durante os pasados días os membros do EQUIPO DE BIBLIOTECA traballaron arreo para ter listos, o máis axiña posible, os maletíns. 

Todos van cheas de libros, revistas, música,... para encher o tempo de lecer coas vosas familias. 

Cada maletín contén información para as familias, normas, contidos e un CADERNO VIAXEIRO no que o alumnado poderá debuxar, facer comentarios ...

Por último, as familias tamén poderán realizar os comentarios e suxestións que consideren oportunas nun apartado dentro do caderno. 

Lembrade, unha folla do caderno por nen@. 











domingo, 8 de noviembre de 2020

"Pontedeume, a nosa vila", Güino informa:

 Achegamos unha mostra das primeiras experiencias dentro do PDI "Pontedeume a nosa vila". Axiña publicaremos os primeiros productos das aulas.

Todas as nenas e nenos do cole xa recibiron as mensaxes de Güino e están a  traballar nos retos que Güino  plantexáballes.

Ollade premendo nas imaxes o que están a argallar as nenas e nenos de 4º, van crear unha empresa de publicidade para promocionar a nosa vila!!






E visitaron a exposición polo 750 aniversario para  recoller información sobre a nosa rica historia:



Güino encomendoulle ao alumnado de 5º e 6ª de Primaria a elaboración dun album ilustrado sobre a historia da nosa vila.

 "Pontedeume no tempo" vaise titular este libro que achegue aos máis pequenos a nosa historia.

 Nos andeis do "Xardín do Pasatempo" temos a historia de Pontedeume de Couceiro Freijomil;


 Pero, como Güino e o seu equipo non atopou unha historia ilustrada axeitada ás vosas idades, as nenas e os nenos máis vellos do centro puxéronse a traballar para poder  facer o encargo da mensaxe que lles achegou Güino a comezo de curso. 

Teñen moitísimo traballo para levar a cabo con éxito esta tarefa e puxéronse xa a elo!  Están a elaborar os primeiros textos grazas aos apuntes que colleron na visita á exposición "750 anos construíndo a historia de Pontedeume".




E grazas á realidade aumemtada do roteiro que fixo 6º B, e que axiña realizaredes os demais, seguro que poden facer unhas marabillosas ilustracións para o album ilustrado. Premendo na imaxe poderedes obter máis información:





Xa temos no moble de novidades da nosa biblioteca os volumes iniciais da documentación do Proxecto. Segundo este vaia desenvolvéndose e precisedes nova documentación, iremos conseguíndoa segundo as necesidades e  suxestións das diferentes aulas.


A pandemia fai dos blogs das aulas o principal escaparate das pescudas e descubrimentos feitos  arredor do PDI. Procuraremos ter actualizado o noso para que poidamos compartir as nosas experiencias, os productos elaborados, os coñecementos adquiridos...

Seguiremos informando!

domingo, 25 de octubre de 2020

SAMAÍN

 Novamente chega o TEMPO DE SAMAÍN.


Cando os días son cada vez máis curtos e escurece cedo, é hora de ir na busca dunha cabaza e coa axuda dos adultos tallala para facer unha caveira terrorífica.


Este venres,30 de outubro ,traédea  ao cole:

Cal será a máis espantosa, a máis grande, a máis orixinal, e a máis pequecha?

Sen dúbida teremos unha exposición moi surtida e variada que deixaremos  fóra para meterlles medo a todos os que pasen polo peirao.

Ollade como podedes facela, sempre coa axuda dos maiores!






Este curso en vez de baixar á biblioteca a escoitar os contos de medo na voz dos compañeiros e compañeiras maiores imos velos na clase ou na biblioteca nas pantallas. Para iso fixemos esta selección para todas as idades.

O alumnado de 5º e 6º de Primaria está a elaborar contos cos que faremos un libro para ver na biblioteca ou colgar tamén neste blog, si é posible; pero , máis adiante, aínda están no forno!

Agardamos que, mentres estes vos gusten moito, e tamén que vos metan un chisquiño de medo, ou non?












Pero coma sempre, estes e outros moitos contos están nos andeis da nosa biblioteca. Collede polo menos un emprestado para ler ás escuras o venres na hora de ler.




E toda boa  festa vai acompañada de música e baile e o noso Samaín non ía ser menos, a pasalo ben!!! Respectando a distancia social e coa máscara! Xunt@s conseguirémolo!!
Escoitade estas cantigas, menudo Samaín marchoso!














Xa temos a videomontaxe da festa e axiña estará a dos contos de medo. Parabéns pola vosa participación que axuda a manter as nosas tradicións.

jueves, 22 de octubre de 2020

Primeiras achegas do PDI

 Xa estamos en marcha!

Nenas e nenos de todos os niveis están a comezar as súas primeiras experiencias dentro do PDI deste curso logo de recibir as mensaxes de Güino.

Realizan saídas pola vila:

  •  Para informarse da historia de Pontedeume, están a visitar a exposición que organiza o Concello polo 750 aniversario da vila (Cando rematen as visitas faremos ligazóns cos blogs das aulas para que poidamos ver canto descubriron).







  •  Utilizando as novas tecnoloxías achegáronse os maiores ao pasado dos edificios máis senlleiros, pero podemos facer este roteiro todas e todos! 

Preme e infórmate no blog de 6º





  • Tamén o alumnado de 5º explorou a morfoloxía de Pontedeume, facendo unha xincana polos camiños que levan á nosa escola.
Preme e achégate ao blog de 5º


Animádevos a pescudar ao aire libre, gardando a distancia de seguridade, en grupos burbulla e usando máscara! A nosa vila é marabillosa para descubrila a pé!

Seguiremos informando!








lunes, 12 de octubre de 2020

Chegou a primeira mensaxe de Güino ás aulas:


Axiña abriremos a nosa biblioteca. Dun xeito diferente en canto tempos e espazos: Estes serán os asentos que poderedes usar sen cambialos de lugar. O profesorado achegaravos os libros que indiquedes dos andeis correspondentes.




Tamén temos nova sinalización elaborada dentro do PDI do curso pasado e que polas circunstancias do curso pasado non puideramos colocar nos nosos andeis. Son indicacións con pictogramas. ARASAAC é un Sistema  Aumentativo e Alternativo de Comunicación ( SAAC) baseado no uso de  pictogramas que facilitan a comunicación ás persoas que teñen dificultades neste ámbito por distintos factores (diversidade funcional, descoñecemento do idioma, traumatismos e dexeneración cognitiva).  














Co novo protocolo COVID, extremando precaucións; pero atopando, como sempre, no "Xardín do Pasatempo" un espazo para achegarnos a mil e un mundo, para  o xurdimento de ideas, para deixar voar a nosa imaxinación, para a aprendizaxe individual e colectiva, para a pescuda, para a conversa, para...

Temos o protocolo ás portas da biblioteca pero deixámolo aquí tamén para que o teñades sempre presente.


Gúino xa visitou todas as aulas deixándonos a súa primeira mensaxe deste curso, ademais de falarnos da apertura da "biblio" anímanos a iniciar unha nova viaxe cun proxecto de investigación para este curso: "Pontedeume, a nosa vila".

 Agora que cada grupo  coñece o reto para o seu ciclo, xa nos podemos poñer a explorar e compartir os nosos achados cos outros grupos principalmente de xeito dixital, acorde coa nova normalidade.

 Agardamos que os productos finais deste PDI podan expoñerse a fin de curso na biblioteca a toda a Comunidade Educativa, de xeito real (con actos de presentación, nos nosos andeis, paneis expositores...) ou virtual ( Páxina Web, Facebook, Aulas Virtuais, Blogs, etc.).

Ollade as cartas de Güino levou o xoves a todas as aulas:





E aquí nesta videomontaxe veredes a Güino, o garda da nosa biblioteca nas clases con tod@s nós.




Xa podedes coller empréstitos da nosa biblioteca e  axiña publicaremos a documentación do PDI, mais aproveitade o bo tempo para explorar a nosa vila coa compaña das vosas mestras e mestres como 1º acercamento á realidade para desenvolver o reto que este ano nos mandou Güino. Xa temos preparadas diferentes excursións!!!

Ánimo, rapazada do Couceiro!