viernes, 13 de noviembre de 2026

LUDOGAL. A MAIOR PLATAFORMA DE XOGOS ON LINE EN GALEGO.

Xogar en galego tamén é aprender: descubrimos o Portal Ludogal
Unha proposta para gozar, aprender e vivir a nosa lingua no tempo de lecer .
Empregar o galego na escola é importante, pero tamén o é empregalo fóra da aula: cando xogamos, compartimos, imaxinamos e pasamos un bo anaco. 

O lecer é un espazo fundamental para que o alumnado se relacione coa lingua de maneira natural, próxima e divertida. 

Desde o centro queremos animar as familias e toda a comunidade educativa a descubrir novas oportunidades para xogar e aprender en galego. Porque cada partida, cada reto e cada momento compartido pode contribuír a reforzar o uso da nosa lingua e a normalizala na vida cotiá. 

 Que é o Portal Ludogal e por que é unha proposta interesante? 

O Portal Ludogal é a maior plataforma de xogos en galego, en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística. Preséntase como un recurso para achegar o galego ao tempo de lecer e ofrecer á comunidade educativa e ás familias unha maneira sinxela de incorporar a lingua a momentos de diversión compartida.

ACTIVIDADE A PALABRA DO ANO 2026. PORTAL DAS PALABRAS

Cal é a vosa palabra do ano?

Hai palabras que nos emocionan, nos fan pensar ou nos lembran momentos especiais. 

Cal representa mellor para vós este ano?

 O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a biblioteca escolar O Xardín do Pasatempo convidamos o alumnado, as clases, as familias e toda a comunidade educativa a participar na elección da Palabra do Ano 2026.

 É unha iniciativa do Portal das Palabras, da Real Academia Galega e da Fundación Barrié. Ata o 20 de novembro ás 23:59 podedes enviar unha ou varias propostas. Máis adiante poderedes votar pola vosa finalista favorita. (https://portaldaspalabras.gal/cal-e-para-vos-a-palabra-do-ano-2026/)

 Como participar? 
  • Pensade nunha palabra que para vós represente este ano. 
  • Falade dela na aula ou na casa: que significa e por que a escollestes? 
  • Entrade en portaldaspalabras.gal e enviade a vosa proposta. 🌱 

Cada palabra conta. Entre todas e todos podemos facer medrar o noso xardín de palabras e dar vida á nosa lingua! Animádevos a participar: a palabra é vosa! 


 Equipo de Dinamización da Lingua Galega e Biblioteca Escolar O Xardín do Pasatempo

jueves, 12 de noviembre de 2026

PDI. CABAZAS DE 6º EIB

O alumnado de 6º de EI B elaborou unha cabaza para celebrar o Samaín, poñendo en xogo toda a súa creatividade e imaxinación.

 Con moita ilusión e entusiasmo, decoraron a cabaza e convertérona nunha creación moi especial. Foi unha actividade divertida na que gozaron experimentando e dando vida a unha cabaza terrorífica e orixinal.

 Parabéns, 6º de EI B! Quedou xenial!







6º EI B.O primeiro día de préstamo de libros de 6º de EI B



O alumnado de 6º de EI B viviu con moita ilusión o seu primeiro día de préstamo de libros na biblioteca do colexio, O Xardín do Pasatempo. 

 Achegáronse á biblioteca con moita curiosidade e entusiasmo, preparados para escoller os seus primeiros libros e gozar da lectura. Ademais, tiveron a oportunidade de coñecer e compartir este momento con Güino, a nosa mascota da biblioteca, que os recibiu con moito agarimo. 

 Só tedes que ver as súas caras para comprobar o especial que foi esta primeira visita. Foi un día cheo de emoción, ilusión e ganas de levar os libros para casa e comezar a gozar das súas historias.










EDUCACIÓN INFANTIL. AS NOVIDADES DA BIBLIOTECA COBRAN VIDA . UNHA ACTIVIDADE PARA COMPARTIR.


 Na biblioteca escolar “O Xardín do Pasatempo” temos unha nova cita coa animación á lectura.

 Esta actividade foi preparada polo alumnado de 6º para dar a coñecer as novidades da biblioteca e terá lugar na nosa biblioteca. O alumnado preparou esta actividade con moita ilusión para presentar as novidades da biblioteca . 

Será un momento para achegarnos á lectura e compartir as novas propostas que nos agardan na nosa biblioteca.


PDI.4ºB. PROXECTO COMPETENCIAL: PALABRAS DA MISIÓN

PROXECTO COMPETENCIAL: PALABRAS DA MISIÓN

 A nosa misión espacial xa está en marcha e, despois de recibir a Carta da Misión, chegou o momento de dar un paso máis: crear a identidade da nosa tripulación.

 Para comezar esta aventura, realizamos unha primeira actividade moi especial: descubrimos que son un lema, unha insignia e un logotipo e para que serven. 

Un lema para representarnos Aprendemos que un lema é unha frase curta que representa a un grupo e que pode axudarnos a expresar aquilo que queremos conseguir. Exploramos diferentes exemplos como: Xuntos ata as estrelas! Exploramos para aprender! Pequenos pasos, grandes misións!

 Despois chegou o momento de pensar: que frase podería representar á nosa tripulación?

 Unha insignia para identificarnos Tamén descubrimos as insignias, eses símbolos ou debuxos que permiten identificar un equipo. Observamos diferentes exemplos relacionados co mundo espacial e analizamos que elementos podían aparecer nunha insignia: estrelas, planetas, foguetes, astronautas... E comezamos a imaxinar como sería a insignia da nosa propia tripulación. E que é un logotipo? Por último, achegámonos ao concepto de logotipo. Aprendemos que combina un nome e un deseño especial para representar e identificar un grupo.

 Así que xa temos as pezas necesarias para o seguinte paso da misión: 

Un lema: unha frase que nos representa. Una insignia: un símbolo que nos identifica. 

Un logotipo: un nome acompañado dun deseño. E agora... tócanos crear. 

Despois de investigar e comprender estes conceptos, chegou o momento máis emocionante: deseñar a identidade da nosa propia misión espacial. Teremos que poñer en xogo a nosa imaxinación, creatividade e capacidade para traballar en equipo para decidir como queremos que sexa a nosa tripulación. Porque unha misión espacial non só necesita astronautas... Tamén necesita identidade...

 E nós xa estamos preparados para creala. A nosa misión comeza.

PDI.CONTO SAMAÍN 4º B

PDI. 4ºB .Que levamos ao espazo? Unha misión para aprender a decidir en equipo.

Que levamos ao espazo? Unha misión para aprender a decidir en equipo.

 O alumnado de 4º de Educación Primaria continúa a súa aventura espacia. Dentro da área de Proxecto Competencial, e en conexión co noso Proxecto Documental Integrado (PDI) Couceiro Star: unha escola entre estrelas, desenvolvemos unha nova actividade que nos convida a reflexionar, dialogar e tomar decisións de maneira cooperativa.

 Nesta ocasión, a nosa misión parte dunha pregunta aparentemente sinxela: 

Que necesitariamos levar se tivésemos que realizar unha viaxe ao espazo?

 Preparando a equipaxe espacial Para resolver este reto, o alumnado, organizado en pequenos equipos, debe analizar diferentes obxectos que poderían formar parte da equipaxe dunha misión espacial: auga, alimentos, osíxeno, roupa, ferramentas, medicamentos, libros, xoguetes, dispositivos electrónicos e moitos outros. 

 A partir de tarxetas ilustradas, cada equipo ten que clasificar os obxectos en tres categorías: Imprescindible: aquilo que consideramos necesario para vivir e desenvolver a misión. 
 Útil: elementos que poden facilitarnos a vida ou o traballo no espazo. 
 Non necesario: obxectos dos que poderiamos prescindir durante a viaxe. 

 Pero a actividade vai moito máis alá dunha simple clasificación. Aprendemos a pensar, dialogar e chegar a acordos O verdadeiro desafío consiste en escoitar as opinións dos compañeiros e compañeiras, defender as propias ideas con argumentos e chegar a decisións compartidas.

 É imprescindible levar un libro? Podería resultar útil unha planta? Que fariamos cun teléfono móbil no espazo? Todas estas preguntas favorecen a reflexión e permiten descubrir que unha mesma decisión pode valorarse desde diferentes perspectivas. 

 Nesta misión non buscamos que todos os equipos dean exactamente as mesmas respostas, senón que sexan capaces de explicar por que tomaron determinadas decisións. Deste xeito, traballamos aprendizaxes fundamentais da área de Proxecto Competencial, como o pensamento crítico, a resolución de problemas, a comunicación oral, a cooperación, a negociación e a toma responsable de decisións.

 2. Unha misión na que todas e todos temos algo que achegar.
  A actividade está deseñada para favorecer a participación de todo o alumnado mediante materiais visuais, tarefas manipulativas e diferentes posibilidades de intervención, respectando os distintos ritmos e necesidades de aprendizaxe. Porque nunha misión espacial, igual que na nosa escola, cada integrante do equipo é importante e todas as achegas contan. 

 3. Aprender mirando cara ás estrelas . A través de propostas como esta, o noso PDI convértese nun fío condutor que permite conectar o coñecemento do universo co desenvolvemento de competencias útiles para a vida cotiá. O espazo é o escenario da nosa aventura, pero as aprendizaxes van moito máis alá dos planetas, das estrelas ou das naves espaciais. Aprender a escoitar, argumentar, respectar diferentes opinións e construír solucións colectivas tamén forma parte da preparación dunha boa tripulación. En Couceiro Star seguimos avanzando na nosa misión espacial, porque para chegar lonxe non só precisamos unha nave... tamén necesitamos aprender a traballar xuntos! 

 No seguinte enlace podedes ver a actividade completa: https://larpeiradasdepalabras.blogspot.com/2026/11/que-levamos-ao-espazo-unha-mision-para.html

Exposición “Os nosos castelos: a pegada señorial dos Andrade”. 6º A e B

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC, Xunta de Galicia) inagurou o martes 3 de novembro de 2026 a exposición “Os nosos castelos: a pegada señorial dos Andrade”.

 A mostra está organizada polo grupo de investigación “Historia Social do Poder desde a Idade Media” do IEGPS, dirixido por Amparo Rubio Martínez, científica titular do CSIC, e conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, o Concello de Pontedeume e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. 


A exposición reúne unha quincena de paneis que exploran distintas manifestacións da relevancia histórica e patrimonial dos Andrade, con especial atención a Pontedeume e a súa contorna. Os contidos abarcan as arquitecturas señoriais e a súa evolución, a liñaxe dos Andrade e as súas redes familiares, a súa presenza na documentación histórica, así como a pegada cultural que esta liñaxe e as súas fortalezas deixaron ao longo do tempo, reflectida en lendas, obras literarias e outras expresións culturais.


 A exposición “Os nosos castelos: a pegada señorial dos Andrade” poderá visitarse na Casa da Cultura do 3 de novembro ata o 15 de novembro de 2026. 


 O alumnado de 6º visitamos a exposición e foi xenial!!! 


 

miércoles, 11 de noviembre de 2026

POLOS CREATIVOS E BIBLIOTECA CREATIVA,1º A

A clase de 1ºA iníciase este curso en robótica e programación! 


Nas últimas semanas comezamos a traballar robótica, programación e pensamento computacional.

 En primeiro lugar, empregando o recurso Kodable online, no que resolvemos diferentes desafíos a través da programación con frechas.

 A continuación, utilizamos os robots Blue-Bot e Coding Set para poñer en práctica todo o aprendido no mundo dixital no mundo físico. Non é nada sinxelo, pero pouco a pouco, coa práctica, seguiremos a mellorar e aprender de xeito divertido!