viernes, 29 de enero de 2016

Día da Paz 2016

Como todos os anos, o día 30 de xaneiro conmemoramos o día da Paz e a non violencia.
Este ano o Entroido xa está soando, pero non por iso imos deixar de prestarlle a atención que merece un día coma este.

O alumnado e profesorado do 1º ciclo de primaria fixeron este mural tan chulo que pouco a pouco vaise enchendo coas pombas de desexos de paz que o resto do alumnado vai deixando.



Os encargados do Manifesto da Paz foron os alumnos e alumnas de 6º de primaria que leron para toda a comunidade educativa do Couceiro o seguinte texto:


DÍA DA PAZ E A NON VIOLENCIA 2016

  No concello de Pontedeume,  onde vivimos e estudamos, onde nos divertimos e nos formamos como persoas. No Couceiro Freijomil,  hoxe, conmemorando o Día da Paz e a non violencia do ano  2016, conscientes de que habitamos nun mundo con demasiada  guerra e violencia, coñecendo por propia experiencia e  polas novas que cada día nos achegan os medios de comunicación , que a violencia segue a estar  presente en países veciños,  nas  nosas  cidades,  dentro das escolas e, por desgraza,  cada día máis dentro   de moitos fogares...
NO   DÍA ESCOLAR POLA  PAZ E A NON-VIOLENCIA
manifestámonos e  pronunciámonos como nenas e nenos que  soñamos con ser mulleres e homes  nun planeta en harmonía entre as xentes e paz entre os pobos.

Soñamos que chegará un día no que as fronteiras racistas desaparezan, no que as distintas culturas e linguas non serán un problema de comunicación que sirvan para diferenciarnos dos demais, senón para unirnos.

Soñamos cun día no que cada pobo se desenvolva só, que os máis fortes e poderosos non se impoñan sobre os débiles, que só o progreso sexa o que se note. Este é o nosos soño.

Soñamos con que chegue o día no que os comentarios e condutas machistas cesen, e no que os nenos e nenas se traten igual uns aos outros para ser adultos tolerantes.

Soñamos co día no que non teñamos en conta as diferenzas de sexo e de raza, porque o máis importante consistirá en ser persoas.

Soñamos co día  no que no noso cole, nos recreos, todos os males como as pelexas, insultos, ameazas e desconfianzas desaparezan por e para sempre.

Soñamos co día no que todos os fogares sexan o  espazo onde os adultos cada día recobren a bondade que tiñan de nenos  e nós,  os pequenos que vivimos con eles,  medremos   cuns ollos limpos e un corazón forte.

Soñamos co día no que ninguén lembre as palabras refuxiado, terrorista, violador, narcotraficante, escravo,... Porque, sen estas palabras, as guerras e mortes serán o pasado.

Soñamos que chegará un fermoso día no que os elementos da natureza, as montañas e os bosques, os mares e os peixes, o aire, as plantas, os animais e o home serán pureza e harmonía natural.



SOÑANDO E CONSTRUINDO XUNTOS ACADAREMOS UN MUNDO NOVO ONDE POÑA SOLIDARIDADE E LIBERDADE!

E para rematar con este sencillo pero importante acto, a tradicional solta de pombas que, como sempre encantou a pequenos e maiores.

SIGAMOS SOÑANDO POR UN MUNDO DE PAZ!!

lunes, 25 de enero de 2016

Teatro Infantil: Rosa Caramelo

Dende o padroado de cultura do Concello de Narón convídanvos a gozar con esta fantástica obra de teatro para os máis cativos da casa. 
Animádevos a ir e a compartilo connosco!! De seguro que o pasaredes fenomenal!!