jueves, 27 de febrero de 2020

Nova exposición

Vimos de poñer na entrada do noso cole unha exposición de libros dividida en dúas seccións:

  • A primeira é unha achega do ANPA do cole. Dentro do seu programa “MEDRANDO EN IGUALDADE”, programa de actividades de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero realizado  este curso, mercaron unha escolma de libros sobre esta temática, parella á do noso PDI "NO COUCEIRO POLA IGUALDADE".
                                          Agradecemos a súa doación á nosa biblioteca.








  • A segunda parte desta exposición son volumes para pais, nais e profesorado sobre  educación, características do neno e da nena, movementos pedagóxicos... Convidámosvos a participar no sistema de préstamo da biblioteca. Os pais e nais tendes un horario reservado para vós (Luns 8:45- 9:30 e mércores de  13:00 a 13: 45). Colleredes os libros a nome do voso fillo ou filla.






  • Visitade a exposición!

     Estará ata remates da vindeira semana, logo xa pasará aos andeis da nosa biblioteca e poderedes levar os libros como empréstito para as vosas casas.

    Grazas pola vosa participación.

    domingo, 23 de febrero de 2020

    Entroido na escola:

    Comezamos o Entroido, un ano máis, cos mandadiños do "Esqueleto Manolo" que preside a entrada do colexio xunto ao "Antroido".




















    Por fin, o venres chegou o momento do  festival de comparsas do “Couceiro Freijomil”.
    Temos que agradecer a colaboración e presenza, tanto no desfile polas rúas da vila como no festival de comparsas   de Entroido, de toda a Comunidade Escolar.






     Este curso abrimos o Entroido eumés con disfraces ben distintos mais con o fío dos valores que presiden o proxecto deste curso: “No Couceiro pola igualdade”



     Dende os máis pequenos, que cantan ás bondades da diversidade, ata a comparsa dos maiores, que nos desexan un Entroido con paz, amor e mel, todas as coplas son un canto á igualdade e ao respecto á diversidade.

    Estas son as letras das coplas de cada comparsa:






    Mirade a comparsa de Educación Infantil coa súa cantiga “De moitas cores”, lembrando a Elmer, o elefante de retallos.



     Que ben o fixeron!!!

     O alumnado de 1º non quere unha infancia con medos e lobos e todos eles e todas elas son carapuchiña!! Pero sen lobo!





     Despois destas carapuchiñas é a quenda da rapazada de 2º.
    Viñan ben reivindicativos dicindo que o seu destino é o que eles  deciden e elixen, son bruxas e bruxos pero ben guapas e guapos!





     Tremenda marcha a de 2º!

    Agora terceiros e cuartos chegan “Rompendo Moldes” no mundo laboral, loitando por un traballo digno e non sexista. 




     
    Xenial que traballadores e traballadoras!

     O Carnaval de sempre é un tempo de crítica aos costumes establecidos, e como estades a ver as nosas comparsas este curso,  ademais de disfraces ben vistosos, traemos unhas coplas que con moita marcha e alegría falan do que queremos para a nosa escola e para a nosa sociedade.
     Para pechar o festival de comparsas cantan os quintos e sextos, “Os hippies do Couceiro”, para que a igualdade sexa unha realidade e non quede no disfrace.




    E agora a festexar o Entroido en familia e coas amizades, que logo pasa. 
    Voltaremos á escola o xoves e para rematar a festa queimaremos o "Antroido", chorando a súa perda, mais sabendo que para o ano que vén voltará para troulear nas nosas aulas e polas rúas de Pontedeume.
     Lembrade o "Xa Morreu", cantiga tradicional eumesa para esta despedida, premendo na imaxe inferior.



    Rematou a festa e todo o alumnado do colexio, xunto ao profesorado, despedimos o Antroido desfilando co cadaleito a ritmo do "Xa morreu", cantiga típica na nosa vila. 
    Nenos e nenas de sexto levaron a ombros o cadaleito e logo despedimos o Antroido, como viúvos e viúvas, mentres este se queimaba.








    jueves, 20 de febrero de 2020

    Club de Lectura do profesorado:

    Neste trimestre estamos a ler "Izan o da saca", unha simbiose entre fabulación e realidade histórica, nunha novela apaixonante, de Xabier Quiroga.

    Preme!

    Hoxe vimos de realizar unha sesión de convivencia do club ao redor da sempre boa mesa do IES "Fraga do Eume". Nesta xornada analizamos a linguaxe da novela, as variedades dialectais e o encadre histórico e xeográfico da novela.


    Na sobremesa participamos nunha actividade lúdica onde demostramos o coñecemento do vocabulario deste libro. Nesta actividade destacou no dominio da linguaxe interna da novela unha das participantes do club, que recibiu un regalo simbólico, xa que o verdadeiro agasallo é o que nos fixo a todas e todos Xabier Quiroga coa súa obra.


    Para a reunión final, a remates deste trimestre, deixamos os detalles do desenvolvemento argumental da novela, daquela xa todos teremos lida a obra completa e xa todos saberemos, por fin, quen é Izan o da saca...

    lunes, 17 de febrero de 2020

    Animación á lectura para Educación Infantil

    Ao longo do 2º trimestre a biblioteca organiza diversas actividades para todas as idades arredor da lectura. Ademais das que se desenvolven o resto do curso, no 2º trimestre temos Clubs de Lectura, presentacións de novidades da man das editoriais, colaboracións dos maiores da vila, etc.

    Para as sesións de E. Infantil xa é unha tradición a colaboración da editorial Kalandraka que envía os seus contacontos para achegarnos as súas novidades que xa están nos andeis da nosa biblioteca.

    Desta volta "O Can de Milu" foi o punto de partida dunha sesión na que diferentes animais e o respecto ao entorno e a natureza tiveron protagonismo. Contos de autor que xunto con outros tradicionais ou pequenos textos rimados contados e cantados conformaron unha actividade que, como en anos anteriores, se adaptou ás idades dos participantes.

    Preme para ter máis información sobre este libro.


    Contos que contados e cantados abraiaron á rapazada de educación infantil e ás súas mestras.










    Moitas grazas e noraboa  a todos e a todas!

    domingo, 9 de febrero de 2020

    Día da Muller e a Nena na Ciencia


    Este ano imos adicar o Día da Muller e a Nena na Ciencia a unha científica máis próxima:
      María Wonenburguer, coñecédela?

     Preme para máis información.
    Preme e infórmate!

    O 11 de febreiro virán Mª José Souto e Ana Tarrío, profesoras da Universidade da Coruña para falar de Mª Wonenburguer ao alumnado maior da escola , pero antes podes investigar sobre esta muller tan importante para a ciencia que ata un premio leva o seu nome.




    Ela é unha matemática que estudou e desenvolveu a Álxebra. Sabedes o que é? No instituto avanzaredes nela agora chéganos con saber que podemos dividir a álxebra en:



    A súa vida profesional estivo marcada polo feito de ser muller pero diso falarannos o Día da Muller e a Nena na Ciencia.

    Parabéns a Mª José Souto e Ana Tarrío e moitas grazas por vir á nosa escola para achegarnos a figura de  María Wonenburguer,
     salientable matemática que con moito esforzo triunfou nun mundo moi masculinizado e rematou axiña a súa labor profesional, a pesar da súa gran valía, probablemente marcada pola súa condición feminina nunha sociedade chea de estereotipos machistas, .


    Aquí tedes unhas imaxes desta actividade:












    Na nosa biblioteca este curso temos bastante bibliografía nova sobre a muller e tamén sobre as mulleres na ciencia pero estes días chegounos un  cómic.

    Líchedes xa o novo cómic da biblioteca? Igual non vos deu tempo, aquí tedes un video a maneira de adianto.




    Interesante, non?

    Podes ler o cómic, ademais de na biblio, premendo na súa portada:



    jueves, 6 de febrero de 2020

    Recomendación dende o Club das Letras

    Durante o 1º trimestre e dentro do Club das Letras o alumnado de 6º coñeceu, da man de Sabela e Ilenia, as profes que dinamizaron o club, "Usha" de María Reimóndez.

    Achegáronse  ás diferenzas culturais e sociais da India, viron a importancia do respecto cara a outras linguas e costumes e da aprendizaxe a carón de outros pobos.

    A través da lectura e da conversa, reflexionaron sobre os valores  que deben guiar a nosa conducta nunha sociedade democrática e globalizada.

    Deíxannos un pequeno vídeo para animarnos á lectura de "Usha". Tamén temos "Volvo, o regreso de Usha" nos andeis da nosa biblioteca.


    domingo, 2 de febrero de 2020

    Día da Paz e non Violencia

    O 30 de xaneiro celébrase este día, dedicado a conmemorar nos centros educativos unha cultura de non violencia e paz.

    A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro. No Día da Paz, os centros educativos comprométense como defensores da paz e entendemento entre persoas de distinta procedencia e modos de pensar.

    Nese día celébrase o aniversario da morte do  Mahatma  Gandhi (India, 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.

    Unha educación inspirada nunha cultura de non violencia e paz permite ao noso alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o seu desenvolvemento como cidadáns globais críticos e comprometidos cos seus dereitos e os doutras persoas.


    No noso centro a preparación desta conmemoración comezou moitos días antes nas aulas, realizándose actividades que atinxen a diversas competencias, dentro de distintas materias e en todos os niveis educativos.

    Coa colaboración das familias realizaron instrumentos de percusión para esta data, estes foron utilizados para  a latucada coa mestra de música ao tempo que cantaban ao mundo:

    " Somos pequenos, somos xoguetóns
    somos felices cantando cancións.
    Dame unha lata que estea chea de paz,
    vente comigo que quero disfrutar.

    Ola! Somos os nen@s de Pontedeume
    e aquí estamos a dar a lata pola paz (bis)

    As armas destas guerras as imos enterrar.
    Cambiemos o rancor por un pouco de amor.
    Que ninguén pase fame neste mundo grande.
    fagamos esta vida máis xusta e divertida

    (Retrouso)

    A lata do amor , a lata dos soños.
    A lata do amigo, a lata dos bicos.
    A lata do amor , a lata dos soños.
    A lata do amigo, a lata dos bicos.


    (Retrouso)




    Seguindo a suxestión do Proxecto de Animación á Lectoescritura de Illa Fantasía todo o alumnado do centro elaborou coa axuda das súas titoras e titores o mural "Ondas de Paz" que representa a loita do noso centro por un mundo sostible e en paz, onde a pesar do estado dos mares cheos de plástico e lixo, a pesar desa marea "negra", conseguimos descubrir a luz coas nosas palabras e mensaxes de paz.
    Premendo a imaxe veredes como nolo contan as nenas e nenos de 1º de primaria


    Todas as aulas foron un fervedoiro de actividade a prol dos valores que conleva esta data imbricada no noso PDI "No Couceiro pola Igualdade"
    Premede na imaxe e veredes unha das  actividades nas aulas de terceiro "A vila da Igualdade":



    O alumnado de valores de sexto tamén estivo a traballar nos conceptos de violencia, agresividade en contraposición con diálogo, tolerancia, paz... Analizando as causas do "virus" da violencia para inventar as súas "vacinas" da Paz e do Bo Trato. Fixeron os "Murais para a Paz e o Bo Trato"
    Pulsade na imaxe e veredes máis detalles da actividade.



    Estes días a entrada da nosa biblioteca , onde acostumamos a ter exposicións temáticas, está
    "Mergúllate nun mar de paz"con libros para préstamo, sobre a amizade, a tolerancia e  a paz, adaptados a todas as idades.



    Despois de  elaborar en días pasados  unhas ondas cheas de mensaxes de LUZ, cheas de palabras ou feitizos que nos axudaran a sacar o lado bo das cousas  e xogando coa simbiose de luz que trae a paz recreamos entre todas e todos un gran símbolo da paz que pouco a pouco foi alumeando as primeiras horas de "escuridade" da mañá do 30 de xaneiro.


    Logo, a media mañá, continuamos cos actos da conmemoración do Día da Paz e non Violencia, coa latucada e a solta de pombas mensaxeiras xa tradicional co noso colexio.




    Parabéns a toda a Comunidade Educativa!