Unha vez rematado o proxecto, chega o momento de facer unha análise global das aprendizaxes adquiridas e daquelo que precisamos mellorar para o seguinte PDI. Ademais da avaliación continua e formativa, vén a reflexión final e a elección do próximo proxecto para planificar cara o curso que vén.
Mais antes expoñemos a toda a comunidade educativa os diferentes materiais elaborados ao longo do curso, non todos mais si os que permitiu o seu formato. Do resto, moitos poden observarse neste blog e outros traballos individuais quedan incorporados nas creacións de cada alumno e alumna e nas súas vivencias que propiciaron un desenvolvemento integral.
Hoxe tivemos unha xornada de portas abertas para que as familias puideran achegarse á exposición a modo de produto final de "Alén do Mar".
As nenas e nenos expuxeron diante do "estand" do seu grupo a estrutura e producións do PDI na súa aula mentres pais e nais escoitaban e observaban os distintos materiais.
Grazas ás familias polo seu interese demostrado na participación activa ao longo do curso e na numerosa asistencia á actividade de hoxe. E parabéns á rapazada do Couceiro . Traballo ben feito!!!