domingo, 9 de febrero de 2020

Día da Muller e a Nena na Ciencia


Este ano imos adicar o Día da Muller e a Nena na Ciencia a unha científica máis próxima:
  María Wonenburguer, coñecédela?

 Preme para máis información.
Preme e infórmate!

O 11 de febreiro virán Mª José Souto e Ana Tarrío, profesoras da Universidade da Coruña para falar de Mª Wonenburguer ao alumnado maior da escola , pero antes podes investigar sobre esta muller tan importante para a ciencia que ata un premio leva o seu nome.




Ela é unha matemática que estudou e desenvolveu a Álxebra. Sabedes o que é? No instituto avanzaredes nela agora chéganos con saber que podemos dividir a álxebra en:



A súa vida profesional estivo marcada polo feito de ser muller pero diso falarannos o Día da Muller e a Nena na Ciencia.

Parabéns a Mª José Souto e Ana Tarrío e moitas grazas por vir á nosa escola para achegarnos a figura de  María Wonenburguer,
 salientable matemática que con moito esforzo triunfou nun mundo moi masculinizado e rematou axiña a súa labor profesional, a pesar da súa gran valía, probablemente marcada pola súa condición feminina nunha sociedade chea de estereotipos machistas, .


Aquí tedes unhas imaxes desta actividade:












Na nosa biblioteca este curso temos bastante bibliografía nova sobre a muller e tamén sobre as mulleres na ciencia pero estes días chegounos un  cómic.

Líchedes xa o novo cómic da biblioteca? Igual non vos deu tempo, aquí tedes un video a maneira de adianto.




Interesante, non?

Podes ler o cómic, ademais de na biblio, premendo na súa portada:



jueves, 6 de febrero de 2020

Recomendación dende o Club das Letras

Durante o 1º trimestre e dentro do Club das Letras o alumnado de 6º coñeceu, da man de Sabela e Ilenia, as profes que dinamizaron o club, "Usha" de María Reimóndez.

Achegáronse  ás diferenzas culturais e sociais da India, viron a importancia do respecto cara a outras linguas e costumes e da aprendizaxe a carón de outros pobos.

A través da lectura e da conversa, reflexionaron sobre os valores  que deben guiar a nosa conducta nunha sociedade democrática e globalizada.

Deíxannos un pequeno vídeo para animarnos á lectura de "Usha". Tamén temos "Volvo, o regreso de Usha" nos andeis da nosa biblioteca.


domingo, 2 de febrero de 2020

Día da Paz e non Violencia

O 30 de xaneiro celébrase este día, dedicado a conmemorar nos centros educativos unha cultura de non violencia e paz.

A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro. No Día da Paz, os centros educativos comprométense como defensores da paz e entendemento entre persoas de distinta procedencia e modos de pensar.

Nese día celébrase o aniversario da morte do  Mahatma  Gandhi (India, 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.

Unha educación inspirada nunha cultura de non violencia e paz permite ao noso alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o seu desenvolvemento como cidadáns globais críticos e comprometidos cos seus dereitos e os doutras persoas.


No noso centro a preparación desta conmemoración comezou moitos días antes nas aulas, realizándose actividades que atinxen a diversas competencias, dentro de distintas materias e en todos os niveis educativos.

Coa colaboración das familias realizaron instrumentos de percusión para esta data, estes foron utilizados para  a latucada coa mestra de música ao tempo que cantaban ao mundo:

" Somos pequenos, somos xoguetóns
somos felices cantando cancións.
Dame unha lata que estea chea de paz,
vente comigo que quero disfrutar.

Ola! Somos os nen@s de Pontedeume
e aquí estamos a dar a lata pola paz (bis)

As armas destas guerras as imos enterrar.
Cambiemos o rancor por un pouco de amor.
Que ninguén pase fame neste mundo grande.
fagamos esta vida máis xusta e divertida

(Retrouso)

A lata do amor , a lata dos soños.
A lata do amigo, a lata dos bicos.
A lata do amor , a lata dos soños.
A lata do amigo, a lata dos bicos.


(Retrouso)




Seguindo a suxestión do Proxecto de Animación á Lectoescritura de Illa Fantasía todo o alumnado do centro elaborou coa axuda das súas titoras e titores o mural "Ondas de Paz" que representa a loita do noso centro por un mundo sostible e en paz, onde a pesar do estado dos mares cheos de plástico e lixo, a pesar desa marea "negra", conseguimos descubrir a luz coas nosas palabras e mensaxes de paz.
Premendo a imaxe veredes como nolo contan as nenas e nenos de 1º de primaria


Todas as aulas foron un fervedoiro de actividade a prol dos valores que conleva esta data imbricada no noso PDI "No Couceiro pola Igualdade"
Premede na imaxe e veredes unha das  actividades nas aulas de terceiro "A vila da Igualdade":



O alumnado de valores de sexto tamén estivo a traballar nos conceptos de violencia, agresividade en contraposición con diálogo, tolerancia, paz... Analizando as causas do "virus" da violencia para inventar as súas "vacinas" da Paz e do Bo Trato. Fixeron os "Murais para a Paz e o Bo Trato"
Pulsade na imaxe e veredes máis detalles da actividade.



Estes días a entrada da nosa biblioteca , onde acostumamos a ter exposicións temáticas, está
"Mergúllate nun mar de paz"con libros para préstamo, sobre a amizade, a tolerancia e  a paz, adaptados a todas as idades.



Despois de  elaborar en días pasados  unhas ondas cheas de mensaxes de LUZ, cheas de palabras ou feitizos que nos axudaran a sacar o lado bo das cousas  e xogando coa simbiose de luz que trae a paz recreamos entre todas e todos un gran símbolo da paz que pouco a pouco foi alumeando as primeiras horas de "escuridade" da mañá do 30 de xaneiro.


Logo, a media mañá, continuamos cos actos da conmemoración do Día da Paz e non Violencia, coa latucada e a solta de pombas mensaxeiras xa tradicional co noso colexio.




Parabéns a toda a Comunidade Educativa!

jueves, 16 de enero de 2020

Novidades!

Co ano novo chegaron materiais novos á nosa biblioteca:

  • Xa están catalogados os xogos de inclusión polo que poden viaxar como préstamo, tanto ás casas como ás aulas. Tamén, por suposto, poderán ser utilizados na biblioteca coa supervisión dun adulto. No recreo non, pois ao haber tanto alumnado pódense mesturar os xogos ou perder pezas.

  • Durante un mes teremos tamén unha "Maleta Viaxeira", a Maleta Creativa B che de libros e xogos. O préstamo é unicamente interno para as aulas, ao non estar no noso catálogo non pode facerse préstamo cos carnés da biblioteca.

Preme para ver o contido.



  •  Xa están nos andeis para préstamo as últimas novidades bibliográficas, as "Recomendacións do Nadal" e os libros para os clubs de lectura.

  • E no corredor  e  no patio  de  primaria   temos novos espazos para a convivencia e a aprendizaxe en igualdade.







Que ben entramos no 2020! A gozar destas novidades!

domingo, 12 de enero de 2020

Charla sobre o uso responsable das novas tecnoloxías.

A Garda Civil ofrece charlas sobre os riscos dun uso indebido da internet a escolares e profesores.

Organizadas polo Departamento de Orientación e promovidas pola Garda Civil no marco das accións preventivas dispostas no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, estamos a realizar unha serie de accións formativas entre as que se inclúen charlas sobre as novas tecnoloxías.

A iniciativa tamén serve para achegar á Garda Civil á poboación, e que os escolares teñan un contacto máis directo con eles.




O alumnado de 5º e 6º do noso centro asistiu na 1º semana deste trimestre a sendas charlas onde houbo unha parte expositiva por parte da garda civil que levou esta actividade e gran parte máis dinámica con diálogo entre as nenas e nenos coa garda.

Ademais de tratar sobre os riscos de abrirnos a descoñecidos na rede, da responsabilidade cando colgamos algunha imaxe,etc. falouse, tamén,dos grandes beneficios de internet se o uso e responsable. Na última parte da sesión debateuse sobre os videoxogos, a violencia intrínseca dos máis populares, o stress que poden chegar a crear e o perigo de falsear a idade podendo ter efectos secundarios non desexables en nenos que están en plena formación achegándoos a un mundo onde a violencia se trivializa.


Foi sorprendente,e debe facernos reflexionar sobre todo aos adultos, a cantidade de "amigos" dixitais coa que comparten información persoal acotío o noso alumnado e a cantidade de diñeiro que moitos dos nenos e nenas presentes invirten en videoxogos para vestir o seu avatar ou mercar vidas para seguir xogando basicamente a matar xente.


No mes de febreiro teremos charlas, tamén para os quintos e sextos, sobre o acoso escolar e o ciberacoso.

Moitas grazas á Garda Civil e a Sara que fixo que esta actividade fora formativa i entretida. Bo traballo!

domingo, 22 de diciembre de 2019

Bo Nadal!

Xa de vacacións, logo dun trimestre cheo de actividades que rematou cun festival ben completo. Aquí vos deixamos unhas imaxes para o recordo.

Premendo na imaxe do garda da nosa biblioteca poderedes ver os videos de todas as actuacións.




E  a través desta imaxe do moble de novidades do "Xardín do Pasatempo" poderedes consultar as recomendacións de Güino para este Nadal.



Felices festas e Bo Aninovo para todas e todos!!!


domingo, 15 de diciembre de 2019

Club de Lectura "Infamia"

Vén de rematar o club de lectura do profesorado correspondente ao 1º trimestre.
 O alumnado de5º e 6º comezará os seus clubs no 2º trimestre, logo de participar no 1º trimestre no "Club das Letras " e na actividade "Lemos aos máis pequenos e ás máis pequenas". Ambalas dúas actividades continuarán no 2º e 3º trimestre.


 O profesorado leu e compartiu impresións sobre o libro de Ledicia Costas "Infamia". 


Infórmate sobre a autora e a súa obra!


Gran parte dos e das participantes festexaron a lectura compartida cunha actividade realizada co IES "Fraga do Eume";


onde, ademais de compartir as últimas impresións sobre o libro e debater o seu final, probaron o seu coñecemento profundo do mesmo cun bingo titulado" Quen di esta frase";


 ao tempo que degustaban unha cea de Nadal elaborada nos fogóns da Escola de Hostalaría e servida polo alumnado da mesma.


 Xenial coma sempre o IES "Fraga do Eume"!

 E moi bo e ben documentado o bingo temático!  A participación entusiasta das lectoras e lectores fixo desta última sesión un éxito. 
Unha sorte para todos esta lectura  compartida e máis para Antón que levou o gran premio do bingo...


Xa estámos preparando a actividade do 2º trimestre, admítense suxestións!

Noraboa a tod@s!

jueves, 12 de diciembre de 2019

Visítanos a Capitá Mariana!

Estamos a recibir a visita da capitá , a pirata Mariana, tamén coñecida como a Meiga do mar ou a Dama Gris. Deixou o seu galeón o “Stella Maris” na praia de Sopazos aínda que non se pode ver porque está cuberto por unha tea que o fai invisible.
Traía con ela unha esfera de cristal que tiña dentro un raio reflectindo unha luz branca se poñías as túas mans enriba.
Era unha burbulla , que semellaba a cúpula de cristal onde habitan os descendentes daquelas persoas salvadas por Mariana.
Esa burbulla representaba Isótita. Un territorio onde o respecto, a liberdade e o amor por tódalas persoas e seres vivos é a lei máis prezada. Unha sociedade que convive en paz e en igualdade,
Este valor: a igualdade, é o significado da palabra grega ISÓTITA, nome deste territorio da illa ,no fondo do mar.


Premendo nas imaxes veredes esta actividade de animación aá lectura do proxecto Illa Fantasía nas diferentes aulas do cole.









Imos ao cíne!!!

O alumnado de primaria desprazouse a Narón acompañado polo profesorado. Tiveron unha estupenda mañá de cínema.
Os máis pequenos, de 1º e 2º asistiron aun pase, só para eles e elas, de Frozen 2.





O alumnado de 3º a 6º foron ver Maléfica 2.





Pasaron unha estupenda mañá! Aquí podedes ver a chegada e o tempo da parva antes de voltar.

miércoles, 11 de diciembre de 2019

A "Ponte das Verbas": Encontro con A. G. Teijeiro.

Hai uns días o Concello convidounos a participar  nunha das actividades do ciclo de encontros "A PONTE DAS VERBAS" con escritores e escritoras premiados co  Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Tan pronto como nos chamou Alexandre, o bibliotecario da B. M. "Ramiro Fonte", comezamos coa preparación do encontro con García Teijeiro, premiado en 2017 por "Poemar o mar".


Preme para saber máis sobre o autor.

 Xa coñeciamos a Antonio G. Teijeiro  e a "Poemar o mar" dende hai 2 anos, nunha actividade da nosa biblioteca do PDI "Alén do Mar". Aproveitamos para coñecer máis a súa obra, centrándonos na poesía.


E hoxe fomos á Biblioteca Municipal "Ramiro Fonte" e compartimos con el unha actividade chea de rimas, cantigas e mares salgados. 
Foi un marabilloso agasallo da man dos organizadores de "Ponte das Verbas", do Concello e de Antonio.










Grazas a todos!