Hai algo que está a acontecer ás agochadas nos Polos Creativos e na Biblioteca Creativa… E para que servirá todo este traballo?
O alumnado de sexto está a empregar a súa creatividade, o seu esforzo e o material dispoñible para elaborar unhas bolsas moi especiais, decoradas co lema do proxecto deste ano do PDI Couceiro Star.
Pero este proxecto é moito máis ca unha actividade artística.
Durante o proceso, as nenas e os nenos están a aprender importantes conceptos de educación financeira: están a calcular canto custan os materiais, a valorar o tempo investido na elaboración de cada bolsa e a reflexionar sobre que prezo sería axeitado para os produtos.
O seu obxectivo é preparar un posto de venda de produtos e recadar fondos para a excursión de fin de etapa de sexto. Deste xeito, están aprendendo que detrás de cada produto hai materiais, traballo, organización e responsabilidade.
Están moi emocionados, traballando arreo e poñendo toda a súa ilusión en cada creación. Cada bolsa leva unha parte do seu esforzo, da súa imaxinación e das súas ganas de facer realidade unha viaxe moi especial.
A pouco que agardemos, o misterio quedará resolto… e poderemos descubrir todas as creacións que están a preparar!
No hay comentarios:
Publicar un comentario