Na nosa biblioteca e corredores do centro xa se respira o ambiente do Samaín!
O alumnado de 2.º e 3.º ciclo de Educación Primaria está a preparar con moita ilusión unha actividade moi especial para compartir co resto do centro: un contacontos con contos e pequenas representacións teatrais sobre o Samaín en Galicia.
A través das historias, da imaxinación e do teatro, as nenas e os nenos explicarán como vivimos esta celebración na nosa terra, achegando ás aulas algunhas das súas tradicións, lendas e elementos máis característicos. Será unha oportunidade para coñecer mellor a nosa cultura e gozar da lingua galega dun xeito divertido e participativo.
O alumnado protagonista está desexando visitar as aulas dos máis pequenos e pequenas para contarlles estas historias, interpretar os seus personaxes e compartir con eles e elas a maxia dunha celebración tan nosa. Estamos seguros de que haberá momentos de misterio, algunha sorpresa e, por suposto, moita diversión!
Esta actividade forma parte do proxecto “Couceiro Star: Unha escola entre estrelas”, unha proposta que nos convida a aprender, crear e compartir experiencias entre toda a comunidade educativa.
Desde a biblioteca queremos agradecer o entusiasmo e o traballo do alumnado participante, así como a colaboración de todo o profesorado. Entre contos, teatro e tradicións, seguimos facendo da nosa escola un espazo para medrar, soñar e brillar xuntos e xuntas.
Feliz Samaín!
Que comece a festa das historias!

No hay comentarios:
Publicar un comentario