martes, 29 de abril de 2014

Xildas

      Recibimos de novo a visita de ANTONIO M. FRAGA, para compartir co CLUB DE LECTURA unha xornada en torno aos trasnos. 

O autor de XILDAS, o primeiro libro publicado deste autor eumés  e exalumno do centro compartiu co alumnado do CLUB as aventuras deste trasno que vive nas fragas. 
Antonio inspirouse nas súas vivencias de cativo en Pontedeume e os seus paseos polas FRAGAS DO EUME para escribir esta historia chea de tenrura e solidaridade que entusiasmou aos seus lectores. 

Foi unha xornada moi grata, chea de sentimentos e lembranzas dos anos de mocidade do escritor. O alumnado prantexoulle  moitísimas preguntas e consideracións sobre os protagonistas e situacións desta historia. 

Grazas Antonio e ata sempre nesta a túa casa!!!



antonio manuel fraga2 - Movie Maker

Álbum bilingüe

Nas tres últimas semanas do trimestre pasado encheronse, por cuarto ano consecutivo, os corredores de nenos e nenas do centro á procura de cromos e vocabulario.

Trátase do ÁLBUM BILINGÜE que neste curso 2013- 2014 tivo como temática "OS BICHOS"

O noso alumnado, dividido en grupos, ten que completar o álbum o antes posible, pegando os cromos e escribindo o nome dos animais en galego ou inglés segundo  corresponda. 

Sempre resulta un éxito de participación e cooperación entre os diferentes equipos e diferentes niveis de idades pois teñen que intercambiar cromos entre todos  eles para completar o álbum.  

Esta actividade, na que participou todo o alumnado do centro,  estivo coordinada polo Departamento de Inglés e polo EDNL do colexio.

lunes, 28 de abril de 2014

Voluntariado A: Lecturas compartidas


Ao longo de todo o curso vense realizando unha actividade nas aulas de EDUCACIÓN INFANTIL e 1º de PRIMARIA denominada LECTURAS COMPARTIDAS

Está desenvolvida polo alumnado do TERCEIRO CICLO DE PRIMARIA que os xoves de cada semana, no tempo da HORA DE LER, acude ás aulas dos máis pequenos  para ler, contar, dramatizar...un conto que previamente elixiu na biblioteca do centro e que durante uns días preparou na súa casa. 

É unha actividade consolidada, pois vense realizando desde hai varios anos coordinada polo EDNL coa colaboración  da biblioteca. 

miércoles, 23 de abril de 2014

Día do Libro con... contos viaxeiros!!

Como cada 23 de abril, celebramos no noso centro o DÍA DO LIBRO

Este ano centramos as actividades na realización de dous CONTOS VIAXEIROS
Participaron neles todo o alumnado do colexio; INFANTIL e PRIMARIA, un dos contos  feito polo alumnado do SEGUNDO e TERCEIRO  ciclo de primaria, e o outro polo PRIMEIRO ciclo e INFANTIL
A proposta para este curso, como centro de interés, foi GÜINO, a nosa mascota, e aquí deixámosvos as súas aventuras.
Nos vindeiros días, despois da súa presentación en público,  expoñeranse na biblioteca en formato papel... xiganteee!!! 

Que os disfrutedes!!! e, parabéns a todas e a todos  polo traballo realizado!!!

Conto de Infantil e 1º ciclo de primaria: "Güino".



Conto 2º e 3º ciclo de primaria: "Güino salva a Antártida".


domingo, 6 de abril de 2014

Día do libro infantil con... Antonio Manuel Fraga.

O pasado día 2 de abril, coincidindo co DÍA DO LIBRO INFANTIL, visitounos o escritor eumés ANTONIO MANUEL FRAGA, recente PREMIO MERLÍN  polo seu libro O CASTAÑEIRO DE ABRIL, libro de narrativa traballado polo alumnado de sexto de primaria no CLUB DE LECTURA , nun ano que o CLUB e a biblioteca quere dedicar á figura deste xoven escritor. Foi unha visita chea de emocións e vellos recordos. Antonio viviu toda a súa infancia en Pontedeume, foi alumno do COUCEIRO FREIJOMIL, e as preguntas do alumnado fixeron aflorar inevitablemente as lembranzas do pasado e as vivencias do presente, pois Antonio segue moi vinculado á terra que o veu nacer. 


O CASTAÑEIRO DE ABRIL foi o eixe deste primeiro  encontro co escritor. O alumnado preguntou e preguntou sobre os protagonistas, sobre o ambiente, as paisaxes, as motivacións,... desgranando todo o libro ata detalles sorprendentes incluso para o propio Antonio. Foi unha xornada inesquecible, chea de reencontros. Grazas Antonio e ata moi pronto que nos visitarás para falar de XILDAS,  o trasno das fragas.

domingo, 30 de marzo de 2014

Antonio García Teijeiro, Poeta.


O pasado día 26 de marzo, ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO estivo no COUCEIRO dentro das XORNADAS, organizadas polo CFR de Ferrol, que leva por título "A LITERATURA INFANTIL E XUVENIL NA BIBLIOTECA ESCOLAR" .
 Falounos, como non podía ser doutro xeito, de poesía. Como mostrar a poesía aos nenos e nenas, como lela, como escribila, como sentila,...onde atopala. E así todos as profesoras e profesoras que traballamos nas diferentes bibliotecas escolares da nosa bisbarra limos, escribimos, recitamos,...construimos poesías, limos adiviñas, e ...ata cantamos!. Foi unha xornada inesquecible rodeados polo poeta que nos fixo dar ..."UN PASEO POLA POESÍA." 

"A poesía é algo que nos acompaña, nos quece...fíltraxe, non se ensina." "A poesía debe entrar nas aulas en VOZ ALTA, sorprender continuamente..." "Debemos partir sempre da poesía popular..."

Constuímos poesía colectiva a partir de ARROLOS, DIÁLOGOS, CANTIGAS,...
Grazas, Antonio por quitarnos o medo á poesía!

Día da Poesía con ... Rosalía

Outra das actividades no DÍA MUNDIAL DA POESÍA que programamos desde a biblioteca, foi a dedicada a ROSALÍA DE CASTRO.  Presentóuselles ao alumnado o libro-disco ROSALÍA PEQUENIÑA onde a cantante UXÍA SENLLE ponlle a súa voz. A música é sempre un dos mellores vehículos para descubrir e gozar da poesía. Uxía deixanos un feixe de cancións para retratar esa muller que uns chamaron tola e outros santa: a verdadeira ROSALÍAROSALÍA PEQUENIÑA, pirata, poeta, aventureira ou fada. ROSALÍA PEQUENIÑA para cantar, para rir, para gozar ou bailar. ROSALÍA DE CASTRO na voz de UXÍA e na voz dunha lexión de cantadeiras e dun nutrido grupo de músicos.



Nós tamén puxémoslle a nosa voz e así quedou o  traballo realizado polo alumnado do centro como homenaxe a  esta pirata, poeta, aventureira ou fada... ROSALÍA DE CASTRO.


martes, 25 de marzo de 2014

Día da Poesía con... Jacobo Muñiz


Jacobo no interior dunha embarcación
no peirao de Pontedume cando era estudante
do COUCEIRO FREIJOMIL.



"Ola, compañeiros do futuro"... Así comezou  JACOBO MUÑIZ a súa mensaxe  aos nenos e nenas do COUCEIRO FREIJOMIL no DÍA DA POESÍA na que se presentaron as ilustracións que nos enviou sobre o libro do eumés RAMIRO FONTE "Xardín do Pasatempo", nome que leva a nosa biblioteca do que Jacobo, tamén eumés,   é ilustrador. 























Dase a circunstacia de que Jacobo tamén é ex-alumno do centro polo que as súas palabras teñen un fondocontido tanto para a comunidade educativa do colexio como para todos os eumeses. Jacobo agasallounos  cunhas ilustracións orixinais sobre o libro de poesía e nós aproveitamos estes actos do DÍA DA POESÍA para a súa presentación. Jacobo vive en Córdoba e non podía estar connosco mais, a través dunha gravación sonora que nos enviou,  poido amosarnos as súas inquedanzas, os seus sentimentos e lembranzas. Nos vindeiros días estas ilustracións fugurarán nun lugar de honra dentro da nosa biblioteca. 

O acto foi completado cun recitado de poesías do libro que nos permitiron lembrar, unha vez máis, a RAMIRO FONTE

Grazas Jacobo polo teu entrañable agasallo!!! 



domingo, 16 de marzo de 2014

De estreo!!


O alumnado colaborador da BIBLIOTECA estreou os petos que os identifica e que utilizarán na realización das diferentes actividades colaborativas na biblioteca do centro. Este alumnado ven desenvolvende actividades dentro das dúas modalidades nas que o colexio está a participar na iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria denominada "Voluntariado de lectura-A" integrada no programa HORA DE LER. Estas dúas modalidades de participación son: 1. Colaboración coa biblioteca escolar e 2. Ler con...D (Lecturas compartidas dentro do centro). Fumos noticia no Diario de Ferrol onde se destacaba a participación de varios centros da comarca de Ferrolterra nesta iniciativa.
                                              

jueves, 13 de marzo de 2014

Benvidos ao Couceiro Circus!!

Neste Entroido todo o Couceiro engalanouse para poder compartir con todos o maior espectáculo do mundo: o Couceiro Circus!!!

Como xa ven sendo tradición os alumnos e profes compuxeron as cantigas para animar a festa, que este ano, por mor do tempo non puidemos rematar na Praza Real.

Pero a climatoloxía non foi quen de quitarnos as ganas de troula e todo o espectáculo trasladouse ao pavillón, onde os feros leóns, os espléndidos magos, os elegantes xefes de pista, os magníficos forzudos, os incribles mimos e os espectaculares integrantes do Circo do Sol desfilaron con moito entusiasmo e recibiron o caloroso aplauso do entregado publico asistente.

Para que poidades desfrutar deste gran espectáculo deixámosvos as imaxes, os videos e as letras das cantigas deste gran Entroido 2014:

 
(Se pinchades sobre a presentación o podedes ver a pantalla completa)