martes, 26 de abril de 2011

Encontro con Iago

O alumnado do PRIMEIRO CICLO de primaria disfrutou na biblioteca dunha sesión de contacontos a cargo de IAGO LÓPEZ SANTOS. Os rapaces e rapazas pasaron un rato fantástico escoitando o relato de Iago e participando coas suxestións que ía introducindo. Grazas Iago polo teu entusiasmo e bo facer.



lunes, 25 de abril de 2011

Fiz







Xa está no revisteiro da nosa biblioteca o Nº 1 de FIZ , a revista do neno máis porco do mundo. Trátase dunha revista bimensual dirixida polo ilustrador galego KIKO DA SILVA na que participan un montón de especialistas en banda deseñada. Esperemos que vos guste. Xa nos comentaredes!!!

Encontros Plambe

















Os pasados 7 e 8 de abril tiveron lugar en Santiago de Compostela os encontros anuais dos centros participantes no PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES (PLAMBE). O noso centro por ser do PLAMBE-5 participou o día 8 que comezou cun saúdo a cargo do Sr. Conselleiro. A continuación tomaron a palabra Teresa Mañá e Mónica Baró que nos falaron sobre os seus traballos en materia de avaliación. Posteriormente asistimos a ponencia de Kiko Da Silva que fixo un percorrido pola historia da banda deseñada e anunciounos a próxima publicación da revista FIZ que el mesmo vai dirixir, destinada ao público infantil. Despois desta ponencia fumos xantar e, entre pincho e pincho seguimos compartindo experiencias. Xa pola tarde comezamos reuníndonos por zonas (nós xuntámonos cos compañeir@s de Ferrolterra e seguimos intercambiando experiencias e aprendendo...) O remate da xornada foi moi emocionante, un auténtico regalo para tod@s nós, nada máis e nada menos que tiñamos diante a D. XOSÉ NEIRA VILAS que nos contou un montón de anécdotas, de vivencias,... co bo humor que sempre (para isto os anos non pasan) tivo, non só os aspectos máis coñecidos como o de escritor senón tamén aqueles máis relacionados coa divulgación da lectura.




En fin unha xornada entrañable con moitas emocións, e sobre todo unha xornada para APRENDER!!!. Participamos tamén na exposición de materiais co traballo realizado polo alumnado de Atención Educativa de 5º B titulado O SEGREDO DOS LIBROS. Graciñas a Pilar e a Cristina pola perfecta organización e, aínda que xa somos moitos sempre temos a sensación de que están continuamente ao noso lado. Graciñas tamén a Ánxela e a Gabriela, as nosas "imprescindibles guías".

Día Internacional do Teatro





Un dos actos da celebración do DÍA INTERNACIONAL DO TEATRO foi a representación de dúas obras a cargo do alumnado de 4º A e 4º B de primaria. Asistiu todo o alumnado do centro e pasamos todas e todos un rato moi divertido. Parabéns polo traballo ben feito!!!





jueves, 31 de marzo de 2011

Bibliocouceiro presenta...

O pasado venres no colexio celebramos o III Concurso de Poesía Couceiro Freijomil.
Foi unha xornada con moita arte na que puidemos escoitar creacións moi bonitas, orixinais, simpáticas, amorosas...

Aínda que todas foron moi aplaudidas, tras unha dificil decisión do xurado, os finalistas leron para todos as súas creacións e a continuación fixose a entrega dos premios, da que encargarónse os profes de prácticas por ser o último día no noso cole.

Os premios foron repartidos do seguinte xeito:


  • Premio especial: Nenos e nenas de EI

  • 1º premio do 1º ciclo: David de 1ºB por "A avoa e a silviña"

  • 2º premio do 1º ciclo: Carmen de 2º por "Eu quero.."

  • 3º premio do 1º ciclo: Claudia de 1º A por "Quen é?"

  • 1º premio do 2º ciclo: Andrea Penedo de 4ºB por "O mundo do revés"

  • 2º premio do 2º ciclo: Elisa Sardiña de 3º B por "O río Eume"

  • 3º premio do 2º ciclo: Clara Vázquez de 4º A por "Ondas"

  • 1º premio do 3º ciclo: Iago Leira de 5º B por "O que dí o meu corazón"

  • 2º premio do 3º ciclo: Elisa Sanjurjo de 5º A por "A miña gatiña"

  • 3º premio do 3º ciclo: Xabier Calvo de 6ºA por "Poema dos pronomes"

Deixámosvos a mostra destas obras de arte para que desfrutedes coma nós da creatividade dos nosos alumnos.




A contunuación, Güino presentounos os contos viaxeiros nos que participamos todos os alumnos do colexio. Estos 2 contos empezaron a viaxar no mes de Outubro, empezando o primeiro en 2º de primaria ata acabar nas aulas de 3 anos, e o segundo nas clases de 6º para que os nenos de 3º inventaran o título e a portada.
Deixámosvos aquí a mostra das nosas obras artísticas e literarias. Desfrutádeas!!

domingo, 27 de marzo de 2011

Visitounos Teresa González Costa...



Visitounos a autora de A FILLA DO LADRÓN DE BICICLETAS (PREMIO MERLÍN 2010), que compartiu un rato moi agradable cos membros do CLUB DE LECTURA do noso centro que están a traballar este libro. Tedes máis información e imaxes da visita na páxina do CLUB (pincha sobre a fotografía de abaixo) 

lunes, 21 de marzo de 2011

O Couceiro viaxa pola Terra a través da prensa...




A idea xurdiu na asignatura Atención Educativa entre o alumnado de 6º de primaria que leva traballando nela desde principios de curso. A idea consistiu na recompilación de periódicos de países dos diferentes continentes. Para conseguir a prensa destes lugares, desde o colexio remitiron cartas ás distintas embaixadas destes países en España. A resposta foi formidable e así conseguiron periódicos de países como Xapón, China, Tailandia, Omán, Sudáfrica, Exipto, Cuba,...e toda Europa. Diferentes alfabetos, que se len de xeito distinto ao que están acostumados. A medida que ían recibindo a prensa, agrupárona por continentes, ademais complementaron a información cunhas cartolinas que conteñen detalles xerais de cada eestado (número de habitantes, moeda oficial, capital do estado, ubicación no mundo,...). Con todo este material montouse unha exposición no corredor da planta baixa do colexio que quedou inaugurada nestes días e permanecerá aberta todo o mes de abril. Aberta ao alumnado, aos pais, a outros centros e a todos aqueles que teñan curiosidade polo tema. Finalmente, os nenos e nenas de sexto elaboraron uns cuestionarios con preguntas xerais e específicas de cada publicación e que utilizará todo o alumnado do centro para investigar sobre o tema facendo unha especie de TRIVIAL con niveis adaptados en función das idades dos participantes.


viernes, 18 de marzo de 2011

Titiricircus

Como anticipo das actividades cara a celebración do día mundial do teatro do 27 de marzo, visitounos a compañía TANXARINA TÍTERES. Puxeron en escea a obra TITIRICIRCUS. Unha lembranza ensoñadora e festiva do grande circo de carpa alta e bicolor. A historia de dous vellos traballadores daquel circo que lembran agora con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista.
Nun permanente xogo participativo co público, van aparecendo os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido. O home máis forte da Península Ibérica, o malavarista mais divertido do mundo....
Rir, rimos coma tolos. Desde os máis pequenos aos maiores difrutamos dunha xornada moi, moi divertida. Graciñas polo bo rato pasado.


jueves, 10 de febrero de 2011

Club de lectura



Comezamos a nosa andaina no presente curso no CLUB DE LECTURA organizado desde a nosa biblioteca. Vintetrés animosos e voluntariosos lectores e lectoras atrévense co último PREMIO MERLÍN 2010 A FILLA DO LADRÓN DE BICICLETAS da escritora de O Grove TERESA GONZÁLEZ COSTA. Estos animosos lectores están xa a disfrutar das peripecias de SERAFINA que quere dedicarse a ser equilibrista con CELERÍFERA a súa bicicleta. O seu amigo MILO, e máis o vello ELÍAS, inventor e mecánico de bicicletas, terán que axudar á protagonista nunha proba de extrema dificultade... Para seguir o desenvolvemento do CLUB podedes pinchar AQUÍ.

viernes, 28 de enero de 2011

Novidades




Chégannos dúas novidades de OQO Editora. "O tren" para o SEGUNDO CICLO e "Tres han de ser" para o PRIMEIRO CICLO DE PRIMARIA. Dous albums ilustrados que están á vosa disposición nos andeis de NOVIDADES e moi pronto nas seccións correspondentes. Premede nas imaxes das portadas para ter máis información. DISFRUTÁDEOS!!!