- Espertan a motivación e a curiosidade, ao presentar a lectura dunha maneira sorprendente e diferente.
- Estimulan a imaxinación e a creatividade, permitindo que cada neno e nena constrúa o seu propio universo a partir das historias.
- Favorecen a atención e a escoita activa, especialmente cando compartimos contos narrados en voz alta.
- Promoven o benestar emocional, ao asociar os libros con momentos agradables, compartidos e especiais.
- Reforzan os vínculos do grupo, convertendo a lectura nunha experiencia colectiva.
- Respectan os diferentes ritmos lectores, permitindo que tanto os máis pequenos como os lectores máis experimentados gocen da actividade.
miércoles, 21 de octubre de 2026
LECTURA ÁS ESCURAS... UNHA AVENTURA ENTRE LIBROS E LANTERNAS.
martes, 20 de octubre de 2026
PDI: 4 ANOS B. COUCEIRO STAR!!
Despois da visita de Güino cun frasco que nos chamoi moito a atención e unha carta que limos moi atentamente, puxémonos mans á obra para comezar neste proxecto tan interesante!
jueves, 15 de octubre de 2026
SEMANA MUNDIAL DO ESPAZO 2026.Actividade do PDI-POLOS CREATIVOS e RADIO NA ESCOLA. 6ºEP
O alumnado de sexto crea os seus propios podcasts na clase de Lingua Galega.
A biblioteca escolar énchese de voces, ideas e creatividade! O alumnado de 6º A converteuse en protagonista dunha experiencia radiofónica na que aprendeu a comunicar, investigar, escribir, gravar e editar os seus propios podcasts.
Dentro da clase de Lingua Galega, os nenos e nenas deseñaron e elaboraron os seus programas de radio utilizando o programa Audacity. Ademais, incorporaron música libre de dereitos, seleccionada e descargada de fontes axeitadas, para darlles ritmo e personalidade ás súas creacións.
Durante este proceso, o alumnado participou activamente en todas as fases de elaboración:
- Escolma dos temas e organización das ideas.
- Investigación e preparación dos contidos.
- Redacción dos guións.
- Ensaios e expresión oral.
- Gravación das voces.
- Edición dos audios con Audacity.
- Selección de música libre de dereitos.
- Escoita, revisión e mellora dos podcasts.
Esta actividade permitiulles desenvolver importantes competencias clave, entre elas a competencia en comunicación lingüística, a competencia dixital, a competencia persoal e social, a competencia emprendedora e a competencia en conciencia e expresión culturais. Tamén fomentou a creatividade, a autonomía, a responsabilidade e o traballo cooperativo.
A proposta enmárcase no noso PDI “Couceiro Star: unha escola entre estelas” e está relacionada coas actividades de STEM de Polos Creativos e co programa Radio na Biblio, facendo da biblioteca un espazo para aprender, experimentar, crear e compartir.
Desde a biblioteca escolar queremos felicitar o alumnado de 6º A polo seu entusiasmo, pola súa imaxinación e polo excelente traballo realizado. Cada podcast é unha mostra do seu esforzo e da súa capacidade para transformar as aprendizaxes nun produto comunicativo propio.
Animádevos a escoitar os podcasts de 6º A!
A BIBLIOTECA ÉNCHESE DE MISTERIO POLO SAMAÍN!!!
🎃📚 A biblioteca énchese de misterio polo Samaín! 👻
Achégate á nosa exposición de libros de Samaín e mergúllate nun mundo de historias arrepiantes, misterios, monstros, pantasmas e aventuras terroríficas. Unha selección de lecturas para gozar desta época do ano e deixar voar a imaxinación de grandes e pequenos.
📖 E seguimos medrando! Este curso incorporamos novos exemplares ao noso fondo bibliográfico, apostando pola renovación e actualización dos libros destinados a todas as etapas educativas do noso centro. Queremos ofrecer á nosa comunidade educativa lecturas variadas, atractivas e adaptadas ás diferentes idades, fomentando así o gusto pola lectura desde os primeiros anos ata as etapas superiores.
🧡 Porque cada libro abre unha porta a un novo mundo e cada lectura é unha oportunidade para aprender, descubrir e soñar.
Vén á biblioteca, escolle a túa próxima lectura e deixa que a maxia dos libros te acompañe!
miércoles, 14 de octubre de 2026
O NOSO PATRIMONIO TEN MOITO QUE CONTAR.
- Cada historia merece ser contada.
- Cada canción merece seguir soando.
- Cada lembranza merece ser conservada.
ACTIVIDADES DO MAGOSTO COMPARTIDAS POLO EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA " A CASQUEIRA!
Co outono chegan os días máis frescos, as cores cálidas, o arrecendo das castañas asadas e unha das celebracións máis queridas da nosa cultura: o Magosto.
Desde a biblioteca queremos facernos eco das actividades que comparte o equipo de dinamización da lingua galega “A Casqueira”, un equipo que traballa para achegar a lingua, a cultura e as tradicións galegas a toda a comunidade educativa.
As actividades compartidas por A Casqueira convídannos a achegarnos ao Magosto desde diferentes perspectivas: a lingua, a literatura, a música, a tradición oral, a gastronomía e a convivencia. A través delas, o alumnado pode descubrir novas palabras, lembrar historias contadas polas avoas e polos avós, investigar sobre esta festa e expresar a súa creatividade.
Na biblioteca consideramos fundamental dar visibilidade a estas iniciativas porque cremos que a cultura constrúese entre todas e todos. Cada actividade, cada lectura, cada proposta e cada colaboración suman. O traballo coordinado dos diferentes equipos do centro permítenos ofrecer experiencias máis enriquecedoras e facer da escola un espazo vivo, participativo e comprometido coa nosa lingua e coa nosa cultura.
Queremos transmitir, precisamente, esa idea: xuntos e xuntas facémolo mellor. Cando compartimos coñecementos, ilusións e esforzos, conseguimos que as tradicións non queden esquecidas, senón que sigan presentes nas aulas, na biblioteca e na vida do centro.
Gardar as tradicións non significa mirar unicamente cara ao pasado. Significa coñecelas, valoralas e darlles novos significados no presente para que poidan continuar formando parte do noso futuro. O Magosto é unha boa ocasión para reivindicar o valor do patrimonio cultural galego e para lembrar que a lingua e as tradicións se manteñen vivas cando as usamos, as celebramos e as compartimos.
Animámosvos a visitar o blog do equipo de dinamización da lingua galega “A Casqueira”, dispoñible na páxina web do centro, e a participar nas actividades propostas.
Celebremos o Magosto entre castañas, palabras, música, memoria e compañeirismo. Porque as tradicións, cando se comparten, medran. E porque, entre todas e todos, facemos comunidade.
Bo Magosto! 🌰🍂
PRIMEIRA VEZ NA BIBLIO NA ETAPA DE PRIMARIA 1º A
Ao fin o alumnado de 1ºA fixo unha das visitas máis esperadas! Hoxe gozamos da nosa biblio por primeira vez este ano. Tamén comezamos cos nosos primeiros empréstitos! Estamos moi ilusionados e ilusionadas por todas as historias que iremos descubrindo.
PDI 5º EP: UN OBSERVATORIO DE ESTRELAS NAS NOSAS MANS.
"UN OBSERVATORIO DE ESTRELAS NAS NOSAS MANS!
Nas aulas de 5º de Primaria tamén comezamos a mergullarnos no PDI deste ano, metendo a cachola, literalmente, no inabarcable mundo das estrelas.
Para iso, elaborando unha pequena manualidade, puidemos observar as diferentes constelacións que compoñen e dan nome aos 12 signos do zodiaco, mergullándonos un pouco na antiga mitoloxía grega...
Apagamos as luces e mirando cara unha luz, a maxia fixo o resto! Un pequeno observatorio dentro da clase!"
Contacontos de Samaín: historias para compartir e aprender
Na nosa biblioteca e corredores do centro xa se respira o ambiente do Samaín!
O alumnado de 2.º e 3.º ciclo de Educación Primaria está a preparar con moita ilusión unha actividade moi especial para compartir co resto do centro: un contacontos con contos e pequenas representacións teatrais sobre o Samaín en Galicia.
A través das historias, da imaxinación e do teatro, as nenas e os nenos explicarán como vivimos esta celebración na nosa terra, achegando ás aulas algunhas das súas tradicións, lendas e elementos máis característicos. Será unha oportunidade para coñecer mellor a nosa cultura e gozar da lingua galega dun xeito divertido e participativo.
O alumnado protagonista está desexando visitar as aulas dos máis pequenos e pequenas para contarlles estas historias, interpretar os seus personaxes e compartir con eles e elas a maxia dunha celebración tan nosa. Estamos seguros de que haberá momentos de misterio, algunha sorpresa e, por suposto, moita diversión!
Esta actividade forma parte do proxecto “Couceiro Star: Unha escola entre estrelas”, unha proposta que nos convida a aprender, crear e compartir experiencias entre toda a comunidade educativa.
Desde a biblioteca queremos agradecer o entusiasmo e o traballo do alumnado participante, así como a colaboración de todo o profesorado. Entre contos, teatro e tradicións, seguimos facendo da nosa escola un espazo para medrar, soñar e brillar xuntos e xuntas.
Feliz Samaín!
Que comece a festa das historias!
martes, 13 de octubre de 2026
ENTRE LIBROS, CABAZAS E LENDAS... CHEGA O SAMAÍN Á NOSA BIBLIOTECA.
- A historia do Samaín e o significado das cabazas.
- Contos de meigas, trasnos, pantasmas e outros seres da tradición popular galega.
- Lendas misteriosas que forman parte do noso patrimonio oral.
- Historias fantásticas que espertan a imaxinación e a creatividade.
- Curiosidades sobre os costumes e as celebracións do outono.
CHEIRA A CASTAÑAS, CHEIRA A MAGOSTO!
miércoles, 7 de octubre de 2026
PDI 1ºA . A SEMANA DO ESPAZO 2026
Aquí estamos de novo, compañeiros e compañeiras! Esta semana, para conmemorar a Semana Mundial do Espazo, ademais de todo o que estamos a aprender co reto de Güino, aproveitamos para facer algunha lectura sobre a temática cos recursos que nos achega a biblioteca. Despois, fixemos uns debuxos sobre como imaxinamos o espazo do que estamos a falar...
E vos, como o imaxinades?martes, 6 de octubre de 2026
FORMACIÓN NA RADIO DA ESCOLA PARA MESTRES/AS DA ESCOLA 2026.
FORMACIÓN NA RADIO ESCOLAR PARA MESTRES/AS DA ESCOLA
A formación tamén forma parte da vida da escola. Por iso, o profesorado do noso centro participou nunha sesión formativa en horario de tarde para aprender a utilizar Radio Falangueira, coñecer mellor os seus recursos e descubrir novas posibilidades para incorporala ao traballo diario co alumnado.
Foi unha sesión moi práctica na que puidemos familiarizarnos cos equipos, perder o medo aos micrófonos, probar, preguntar, equivocarnos, volver intentalo e, sobre todo, aprender xuntos.
Porque ser docente tamén significa seguir aprendendo. A formación continua do profesorado permítenos actualizar coñecementos, compartir experiencias e descubrir novas ferramentas que poden facer as aprendizaxes máis motivadoras, participativas e significativas para o noso alumnado.
A radio escolar é unha ferramenta cun enorme potencial educativo. A través dela podemos traballar a expresión oral, a escoita, a lectura, a escrita, a creatividade, a competencia dixital e o traballo en equipo, ao tempo que damos voz aos nenos e nenas do centro.
Preparar un pequeno programa, facer unha entrevista, gravar unha noticia, contar unha historia ou presentar unha investigación implica organizar ideas, repartir tarefas, respectar quendas de palabra e aprender a comunicarnos mellor.
Radio Falangueira convértese así nun espazo no que o alumnado pode investigar, crear, expresarse e compartir o que aprende coa comunidade educativa.
E como aprender non está rifado con pasalo ben, esta formación tamén nos deixou un momento moi agradable. Entre probas de son, micrófonos, risas e pequenas gravacións compartimos unha tarde diferente, distendida e enriquecedora.
As imaxes que acompañan esta entrada son unha boa mostra dese ambiente: profesorado aprendendo, colaborando e gozando tamén do proceso.
Agora toca levar todo o aprendido ás aulas e facer que Radio Falangueira siga enchendo o noso cole de voces, historias, preguntas, música e aprendizaxes.
Porque unha escola que aprende é unha escola que segue medrando. E en Radio Falangueira… xa estamos preparados para darlle ao REC!
PDI: 2º A -B COMEZO DO PROXECTO
En Segundo A e B despegamos no noso proxecto!
Comezamos cunha exposición de libros que nos motivou moitísimo e que espertou a nosa curiosidade. Despois, paramos a reflexionar: QUE SABEMOS? QUE QUEREMOS SABER? Deixamos voar a imaxinación debuxando como nos imaxinamos o espazo, buscamos palabras nunha sopa de letras…E, por se fose pouco, ata chegou á clase o oso Galaxy co reto de Güino, que nos acompañará nesta emocionante aventura polo universo. Preparados para despegar? 3, 2, 1… comezamos!
PDI: AŔEA DE LINGUA INGLESA, DESPEGAMOS !!
Despegamos!
En Inglés xa comezamos a viaxe polo noso PDI.
Aprender xogando é a mellor maneira de comezar.
Arrancamos xogando co clásico Bbline, agora con vocabulario especialmente espacial, e escoitamos, aprendemos e creamos cos titoriais que tanto nos gustan.A aventura espacial xa está en marcha!
viernes, 2 de octubre de 2026
POLOS CREATIVOS E BIBLIOTECA CREATIVA . 6º DE EDUCACIÓN PRIMARIA
O alumnado de sexto inicia a súa aventura na robótica
Este curso, o alumnado de sexto comeza unha nova e emocionante andaina no mundo da robótica da man dos Polos Creativos da Consellería e da Biblioteca Creativa.
A través do programa M-BLOCK e do traballo con robots MAKEBLOCK , as nenas e os nenos terán a oportunidade de achegarse á programación, á tecnoloxía e ao pensamento computacional dun xeito práctico, creativo e divertido.
Durante as sesións, aprenderán a deseñar solucións, crear instrucións, programar movementos e resolver pequenos retos empregando os robots como ferramentas de aprendizaxe.
A robótica permitiralles desenvolver competencias moi importantes, como a capacidade de traballar en equipo, a comunicación, a organización, a imaxinación e a resolución de problemas. Tamén aprenderán que equivocarse forma parte do proceso e que, con perseveranza e colaboración, é posible atopar novas solucións.
O máis importante é que serán protagonistas da súa propia aprendizaxe: experimentarán, probarán, modificaran as súas propostas e descubrirán pouco a pouco todo o que son capaces de crear. Cada reto será unha oportunidade para investigar, aprender e compartir.
A ilusión xa se pode sentir nas aulas. O alumnado está moi emocionado por comezar esta experiencia, coñecer os robots, aprender a programalos e afrontar os primeiros desafíos. Agardan con entusiasmo cada sesión e teñen moitas ganas de descubrir ata onde poden chegar combinando creatividade, tecnoloxía e traballo en equipo.
Estamos seguros de que este será só o comezo dunha viaxe chea de descubrimentos, ideas e grandes creacións.
A aventura robótica de sexto xa comezou!
.png)















.jpeg)





























