lunes, 25 de febrero de 2013

Día de Rosalía

O día 24 de febreiro conmemoramos o nacemento , no ano 1837, de ROSALÍA DE CASTRO, unha das poetisas máis importantes da nosa literatura. Este ano, ademais, celénbranse os 150 anos da  publicación de CANTARES GALLEGOS, o libro que inaugura o REXURDIMENTO.

A ASOCIACIÓN DE ESCRITORAS E ESCRITORES EN LINGUA GALEGA está a promover a difusión desta data e este ano quixeron traballar na lectura colectiva de  "CANTARES GALLEGOS". Nós desde o noso centro, realizamos a gravación do recitado do seu poema universal CAMPANAS DE BASTABALES que foi remitido á citada asociación para formar parte, xunto con moitos outros centros de galicia deste traballo colaborativo de lectura colectiva.
Para saber máis sobre ROSALÍA (Premede nas imaxes da escritora), podemos traballar na unidade didáctica elaborada por Cristina Corral e compartida no blog "OS POEMAS DO RÍO",  e a presentación realizada por RAIOTECA do CEIP  de ANDRADE. Grazas polo traballo colaborativo de tan estupendos traballos.




miércoles, 20 de febrero de 2013

Emilio Pascual Martín no Couceiro

O vindiro xoves 21 de febreiro teremos no Couceiro  ao editor, poeta, narrador, traductor e crítico EMILIO PASCUAL MARTÍN autor de libros como DÍAS DE REYES MAGOS, premio LAZARILLO de literatura xuvenil (1998)  e PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL (2000).
Acudirá ao noso centro non para estar con todos vós, como é o habitual  cando nos visitan os diferentes escritores e ilustradores que pasan polo colexio, senón para impartir unha conferencia a un amplo grupo de mestres da zona de FERROLTERRA. O título da conferencia  será "BIBLIOTECAS. RESERVAS PARA EL INVIERNO DEL ESPÍRITU"  e forma parte das XORNADAS DE LECTURA LITERARIA. BIBLIOTECAS ESCOLARES PARA LECTORES DO SÉCULO XXI organizadas polo CFR (Centro de Formación e Recursos) de FERROL. Esperemos que algún día poida estar con todos vós. Publicamos tamén o traballo realizado pola biblioteca FESQUÍO con motivo da visita realizada por EMILIO PASCUAL o pasado ano ao IES FERNANDO ESQUÍO DE NEDA.

lunes, 18 de febrero de 2013

Exposición "O humor e os dereitos da infancia"

Hai unhas semanas estivo aberta a toda a comunidade educativa do centro a exposición itinerante que leva por título O HUMOR E OS DEREITOS DA INFANCIA facilitada polo MUSEO DO HUMOR DE FENE. É unha exposición de humor gráfico na que se inclúe unha selección de debuxos de diferentes ilustradores/as de todo o mundo. Entre os artistas que expoñen salientan nomes como Salas, Pinto&Chinto, Quico, Tonisavski, Martirena,  malagón, Harca, Ermengol, Elena ospina ou Ronaldo. o obxectivo da mostra é facer reflexionar á sociedade sobre un tema tan importante como son os dereitos dos nenos/as pero en clave de humor. O alumnado visitouna  acompañado dos seus titores  realizando traballos de investigación que anotaron nun caderno que se lles facilitou  elaborado polo EQUIPO DE BIBLIOTECA coa colaboración de O RECANTO DE MIK do IES DE FENE. A exposición tivo moito éxito, non só entre o alumnado, senón tamén entre as familias e outros visitantes da vila pois foi anunciada en diferentes  lugares públicos como a BIBLIOTECA MUNICIPAL.