lunes, 30 de marzo de 2020

Recomendacións lectoras para estes días sen cole

Boas! Como seguides?

Nestes días en que quedamos na casa, en que a comunicación dixital multiplicouse, en que todos e todas estamos máis tempo conectados a través da rede, porque non queda outra. Güino tráevos unha proposta. Atendede!


Mirade algunhas recomendacións lectoras, tamén chamadas "booktraillers" feitas por nenos e nenas maiores. As vosas poden ser máis curtas e sinxelas, coa colaboración de mamá ou papá,...
 O importante estes días que estamos na casa é compartir e conectar uns cos outros, non pensades?











Lembrade o enderezo para mandar os vídeos é:
bibliocouceiro@gmail.com
Publicaremos as vosas recomendacións lectoras neste blog. Xa estamos esperando!


Xa chegou a primeira, claro tamén valen as recomendacións das profes, dos profes, das mamás e dos papás.



Todos estes libros e moitos máis poderedes lelos, gratuitamente na plataforma Galicia Le. Coa axuda de mamá ou papá preme e infórmate! Poderas ver, ler, escoitar na tablet, no ordenador ou no libro dixital entrando nesta páxina.




lunes, 16 de marzo de 2020

Propostas para estes días sen cole...

Bo día! Como imos estar moitos días sen visitar o "Xardín de Pasatempo", nen ningún outro parque ou xardín, Güino convídavos a ler, ver videos, realizar actividades lúdicas na casa e sobre todo a coidarvos moitos e seguir as indicacións dos vosos pais e das autoridades sanitarias para que o coronavirus non vos visite .

  • Que marabilla de vídeo fixemos entre todas e todos! Mirade!



  •  Lembrade as propostas para cada titoría:



  • Escoitade estes contos que nos falan dun xeito sinxelo do coronavirus e da importancia de quedarnos na casa:






  • E esta canción que é unha das máis populares destes días de aislamento.





  • Hoxe, 24 de marzo, enterámonos da morte de Uderzo, coautor de Axtérix e Obélix. Deixámosvos a ligazón á noticia e dúas películas das súas aventuras.


Preme e infórmate!










  • Aquí vos deixamos, tamén,videocontos para pasar o rato dende a rapazada de infantil ata os máis vellos do cole:



















  • E outros para ler:
  • Tamén outro tipo de actividades para realizar só ou en compaña:




  • E a prensa do día para estar informado@s! Ollade ben todas as seccións, tamén  veñen revistas infantís!






Agardamos que pasedes estes días o mellor posible. Ata a volta!

miércoles, 11 de marzo de 2020

Nova actividade na ILLA FANTASÍA

Unha gran xornada de convivencia entre alumnado de 1º a 4º de E. Primaria, mestres e mestras e familias, participando activamente para crear unha conciencia medio ambiental, que é un dos obxectivos que estamos a traballar dende Illa Fantasía no noso colexio, tivo lugar o pasado 10 de marzo.



Unha mobilización  para liberar a nosa natureza do lixo, denominada Basuraleza e que puxemos en práctica coa recollida de residuos na praia da Magdalena en Cabanas. 


Visita a blog dos primeiros premendo na imaxe.


Preme e infórmate!


jueves, 5 de marzo de 2020

DÍA DA MULLER

O Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade.

Este curso cadra en domingo polo que adiantamos a venres a presentación do mural que realizaron os nenos e nenas maiores da escola. 5ª e 6º.



Preme e infórmate


Eles e elas coñeceron o Día da Muller e  Nena na Ciencia a  figura María Wonenburger, matemática de gran prestixio.
Da man de dúas profesoras da Universidade da Coruña, Ana Tarrío e Mº José Souto, descubriron o labor profesional desta científica de renome universal e a pegada que deixou na súa traxectoria o feito de ser muller.

6º A e 6º B, utilizando a banda deseñada, achegan  esta  salientable matemática a toda a Comunidade Educativa.
Mª Wonenburger, con moito esforzo triunfou nun mundo moi masculinizado e rematou axiña o seu labor profesional, a pesar da súa gran valía, probablemente marcada pola súa condición feminina nunha sociedade chea de estereotipos machistas.  Por estas razóns, entroutas, María Wonenburger é a MULLER do noso 8 de MARZO.

O venres poderemos coñecela a través dos cómics que presiden o mural do 8 de Marzo, Día da Muller.














O alumnado da Illa fantasía está a traballar na elaboración do LIBRO VIOLETA. É unha recompilación de mulleres poderosas: Concepción Arenal. Maruja Mallo, Malala, Ángeles Alvariño,Marie Curie, Margarita Salas, Rosalía de Castro...ata as súas mamás e as mestras da escola!

Dentro do Proxecto de Animación á Lectoescritura, a Capitá Mariana, muller emprendedora, valente capaz e libre propúxolles esta actividade que fomenta o empoderamento da muller.

Ollade que portada tan vistosa!


Dende a Biblioteca, Güino e o seu equipo de colaboradores e colaboradoras están moi atarefados preparando a selección de libros cos que podades traballar e gozar a partires do día 8,




mentres tanto podemos ver algún deles todos xuntos e logo reflexionar,falar,  debater sobra as súas mensaxes. 

CONTOS POLA IGUALDADE:






















O Día Internacional da Muller, é  unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade; mais tamén queremos que sexa un día de festa, da festa da igualdade entre homes e mulleres que non somos nin máis nin menos senón iguais. E en todas as festas acompáñanos a música. Aquí tedes unha escolma de cancións.




















                                                            Feliz 8 de Marzo!

jueves, 27 de febrero de 2020

Nova exposición

Vimos de poñer na entrada do noso cole unha exposición de libros dividida en dúas seccións:

  • A primeira é unha achega do ANPA do cole. Dentro do seu programa “MEDRANDO EN IGUALDADE”, programa de actividades de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero realizado  este curso, mercaron unha escolma de libros sobre esta temática, parella á do noso PDI "NO COUCEIRO POLA IGUALDADE".
                                          Agradecemos a súa doación á nosa biblioteca.








  • A segunda parte desta exposición son volumes para pais, nais e profesorado sobre  educación, características do neno e da nena, movementos pedagóxicos... Convidámosvos a participar no sistema de préstamo da biblioteca. Os pais e nais tendes un horario reservado para vós (Luns 8:45- 9:30 e mércores de  13:00 a 13: 45). Colleredes os libros a nome do voso fillo ou filla.






  • Visitade a exposición!

     Estará ata remates da vindeira semana, logo xa pasará aos andeis da nosa biblioteca e poderedes levar os libros como empréstito para as vosas casas.

    Grazas pola vosa participación.

    domingo, 23 de febrero de 2020

    Entroido na escola:

    Comezamos o Entroido, un ano máis, cos mandadiños do "Esqueleto Manolo" que preside a entrada do colexio xunto ao "Antroido".




















    Por fin, o venres chegou o momento do  festival de comparsas do “Couceiro Freijomil”.
    Temos que agradecer a colaboración e presenza, tanto no desfile polas rúas da vila como no festival de comparsas   de Entroido, de toda a Comunidade Escolar.






     Este curso abrimos o Entroido eumés con disfraces ben distintos mais con o fío dos valores que presiden o proxecto deste curso: “No Couceiro pola igualdade”



     Dende os máis pequenos, que cantan ás bondades da diversidade, ata a comparsa dos maiores, que nos desexan un Entroido con paz, amor e mel, todas as coplas son un canto á igualdade e ao respecto á diversidade.

    Estas son as letras das coplas de cada comparsa:






    Mirade a comparsa de Educación Infantil coa súa cantiga “De moitas cores”, lembrando a Elmer, o elefante de retallos.



     Que ben o fixeron!!!

     O alumnado de 1º non quere unha infancia con medos e lobos e todos eles e todas elas son carapuchiña!! Pero sen lobo!





     Despois destas carapuchiñas é a quenda da rapazada de 2º.
    Viñan ben reivindicativos dicindo que o seu destino é o que eles  deciden e elixen, son bruxas e bruxos pero ben guapas e guapos!





     Tremenda marcha a de 2º!

    Agora terceiros e cuartos chegan “Rompendo Moldes” no mundo laboral, loitando por un traballo digno e non sexista. 




     
    Xenial que traballadores e traballadoras!

     O Carnaval de sempre é un tempo de crítica aos costumes establecidos, e como estades a ver as nosas comparsas este curso,  ademais de disfraces ben vistosos, traemos unhas coplas que con moita marcha e alegría falan do que queremos para a nosa escola e para a nosa sociedade.
     Para pechar o festival de comparsas cantan os quintos e sextos, “Os hippies do Couceiro”, para que a igualdade sexa unha realidade e non quede no disfrace.




    E agora a festexar o Entroido en familia e coas amizades, que logo pasa. 
    Voltaremos á escola o xoves e para rematar a festa queimaremos o "Antroido", chorando a súa perda, mais sabendo que para o ano que vén voltará para troulear nas nosas aulas e polas rúas de Pontedeume.
     Lembrade o "Xa Morreu", cantiga tradicional eumesa para esta despedida, premendo na imaxe inferior.



    Rematou a festa e todo o alumnado do colexio, xunto ao profesorado, despedimos o Antroido desfilando co cadaleito a ritmo do "Xa morreu", cantiga típica na nosa vila. 
    Nenos e nenas de sexto levaron a ombros o cadaleito e logo despedimos o Antroido, como viúvos e viúvas, mentres este se queimaba.








    jueves, 20 de febrero de 2020

    Club de Lectura do profesorado:

    Neste trimestre estamos a ler "Izan o da saca", unha simbiose entre fabulación e realidade histórica, nunha novela apaixonante, de Xabier Quiroga.

    Preme!

    Hoxe vimos de realizar unha sesión de convivencia do club ao redor da sempre boa mesa do IES "Fraga do Eume". Nesta xornada analizamos a linguaxe da novela, as variedades dialectais e o encadre histórico e xeográfico da novela.


    Na sobremesa participamos nunha actividade lúdica onde demostramos o coñecemento do vocabulario deste libro. Nesta actividade destacou no dominio da linguaxe interna da novela unha das participantes do club, que recibiu un regalo simbólico, xa que o verdadeiro agasallo é o que nos fixo a todas e todos Xabier Quiroga coa súa obra.


    Para a reunión final, a remates deste trimestre, deixamos os detalles do desenvolvemento argumental da novela, daquela xa todos teremos lida a obra completa e xa todos saberemos, por fin, quen é Izan o da saca...

    lunes, 17 de febrero de 2020

    Animación á lectura para Educación Infantil

    Ao longo do 2º trimestre a biblioteca organiza diversas actividades para todas as idades arredor da lectura. Ademais das que se desenvolven o resto do curso, no 2º trimestre temos Clubs de Lectura, presentacións de novidades da man das editoriais, colaboracións dos maiores da vila, etc.

    Para as sesións de E. Infantil xa é unha tradición a colaboración da editorial Kalandraka que envía os seus contacontos para achegarnos as súas novidades que xa están nos andeis da nosa biblioteca.

    Desta volta "O Can de Milu" foi o punto de partida dunha sesión na que diferentes animais e o respecto ao entorno e a natureza tiveron protagonismo. Contos de autor que xunto con outros tradicionais ou pequenos textos rimados contados e cantados conformaron unha actividade que, como en anos anteriores, se adaptou ás idades dos participantes.

    Preme para ter máis información sobre este libro.


    Contos que contados e cantados abraiaron á rapazada de educación infantil e ás súas mestras.










    Moitas grazas e noraboa  a todos e a todas!

    domingo, 9 de febrero de 2020

    Día da Muller e a Nena na Ciencia


    Este ano imos adicar o Día da Muller e a Nena na Ciencia a unha científica máis próxima:
      María Wonenburguer, coñecédela?

     Preme para máis información.
    Preme e infórmate!

    O 11 de febreiro virán Mª José Souto e Ana Tarrío, profesoras da Universidade da Coruña para falar de Mª Wonenburguer ao alumnado maior da escola , pero antes podes investigar sobre esta muller tan importante para a ciencia que ata un premio leva o seu nome.




    Ela é unha matemática que estudou e desenvolveu a Álxebra. Sabedes o que é? No instituto avanzaredes nela agora chéganos con saber que podemos dividir a álxebra en:



    A súa vida profesional estivo marcada polo feito de ser muller pero diso falarannos o Día da Muller e a Nena na Ciencia.

    Parabéns a Mª José Souto e Ana Tarrío e moitas grazas por vir á nosa escola para achegarnos a figura de  María Wonenburguer,
     salientable matemática que con moito esforzo triunfou nun mundo moi masculinizado e rematou axiña a súa labor profesional, a pesar da súa gran valía, probablemente marcada pola súa condición feminina nunha sociedade chea de estereotipos machistas, .


    Aquí tedes unhas imaxes desta actividade:












    Na nosa biblioteca este curso temos bastante bibliografía nova sobre a muller e tamén sobre as mulleres na ciencia pero estes días chegounos un  cómic.

    Líchedes xa o novo cómic da biblioteca? Igual non vos deu tempo, aquí tedes un video a maneira de adianto.




    Interesante, non?

    Podes ler o cómic, ademais de na biblio, premendo na súa portada:



    jueves, 6 de febrero de 2020

    Recomendación dende o Club das Letras

    Durante o 1º trimestre e dentro do Club das Letras o alumnado de 6º coñeceu, da man de Sabela e Ilenia, as profes que dinamizaron o club, "Usha" de María Reimóndez.

    Achegáronse  ás diferenzas culturais e sociais da India, viron a importancia do respecto cara a outras linguas e costumes e da aprendizaxe a carón de outros pobos.

    A través da lectura e da conversa, reflexionaron sobre os valores  que deben guiar a nosa conducta nunha sociedade democrática e globalizada.

    Deíxannos un pequeno vídeo para animarnos á lectura de "Usha". Tamén temos "Volvo, o regreso de Usha" nos andeis da nosa biblioteca.