CLUB DE LECTURA

▼

jueves, 5 de noviembre de 2026

MES DA CIENCIA EN GALEGO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES 2026

Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Conselleria de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Jesús Ángel Sánchez García, historiador da arte e investigador en historia da arquitectura e do urbanismo de Galicia. Catedrático de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, desde 2021 coordina o grupo de investigación IDEAHS. "Os historiadores da arte temos entre as nosas liñas de traballo preferentes o estudo das imaxes. Desde hai miles de anos os artistas crearon imaxes para satisfacer os gustos das elites, transmitir mensaxes sociais, demostrar talento ou provocar. Coa IA este poder de producir imaxes volveuse máis democrático ca nunca. E tamén formula novos retos. A cidadanía vese inmersa nun fluxo continuo de imaxes que saltaron das pantallas brancas ás pantallas negras para colonizar os espazos das nosas cidades. Ante o risco de ficar como suxeitos pasivos e consumidores dos contidos decididos por algoritmos, a historia da arte pode dar á cidadanía a capacidade de reflexionar sobre os significados, as intencións e as cualidades estéticas desta iconosfera. Como humanistas que combinamos unha formación especializada na cultura visual e material coa preparación para comprender os seus contextos, os historiadores da arte podemos proporcionar saberes e xerar reflexións de longo percorrido, un pensamento lento e demorado, cada vez máis necesario fronte ao consumo rápido a base de clics". Jesús Ángel Sánchez García

                                                  Unha escola entre estrelas: Couceiro Star

O proxecto “Unha escola entre estrelas: Couceiro Star” trata sobre o espazo e a astronomía. A través del, achegámonos ao coñecemento do universo, das estrelas, dos planetas e doutros fenómenos relacionados co espazo, fomentando no alumnado a curiosidade, a capacidade de preguntar e o interese por descubrir como funciona o mundo que nos rodea. 

 Nas aulas estamos traballando moito arredor da ciencia mediante a observación, a investigación, a experimentación e a procura de respostas. Cada actividade permítenos aprender algo novo e comprender que a ciencia está presente na nosa vida cotiá.
Ao longo do curso haberá novas propostas e sorpresas que nos axudarán a seguir explorando este universo tan fascinante. Será unha viaxe compartida na que poderemos aprender, imaxinar e descubrir moito máis sobre o espazo. 

 O Mes da Ciencia en Galego encaixa plenamente co noso proxecto, xa que no Couceiro cremos no valor da ciencia e na importancia de traballala e comunicala en lingua galega. O galego é tamén unha lingua para investigar, formular hipóteses, explicar descubrimentos e achegarnos ao coñecemento científico. Porque a ciencia tamén se fai en galego e porque, na nosa escola entre estrelas, queremos continuar aprendendo, descubrindo e soñando sen límites.

No hay comentarios:

Publicar un comentario