CLUB DE LECTURA

viernes, 11 de diciembre de 2015

Recomendacións de lectura para este Nadal 2015

Un ano máis chega o Nadal, unha época de ledicia, de festas, lecer... e desexos!

Sabemos que estaredes escribindo as cartas aos Reis Magos, Papá Noel ou Apalpador, e para que poidades incluir nelas algúns libros e contos, o equipo de BiblioCouceiro preparamos unhas recomendacións que cremos que vos gustarán moito!

Durante estes días estarán expostas estas recomendacións na biblioteca para que poidades botarlles unha ollada.



BO NADAL, FELIZ ANINOVO, E BOAS LECTURAS!!

miércoles, 9 de diciembre de 2015

A viaxe de Güino

Como sabedes, Güino, a nosa mascota, pasou un verán fenomenal  e voltou a escola moi guapo e repoludo.
Chus Grandal, avoa dun rapaz da nosa escola, foi a súa anfitriona e a responsable desta estupenda transformación.
Por este motivo todos os rapaces e profes do cole elaboramos un pequeno libro co que poder agradecerlle a Chus o seu traballo.

Durante esta semana, na hora de ler, presentouse na biblioteca este estupendo traballo colectivo, rematando o venres coa visita de Chus a que agasallamos cun exemplar do conto "A viaxe de Güino".


Podedes ver durante estes días no corredor principal, a exposición de todos os traballos realizados polo alumnado do Couceiro.

martes, 24 de noviembre de 2015

Exposición: Xardín do Pasatempo

Dende o noso particular "Xardín do Pasatempo" queremos convidarvos a visitar a biblioteca municipal de Pontedeume, onde poderedes atopar unha exposición sobre "Xardín do Pasatempo", o libro do eumés Ramiro Fonte que da nome á nosa biblioteca.


Dende a biblioteca anímanvos a facervos unha foto diante da casa de Ramiro, e cando vaiades a ver a exposición sobre este libro agasallaránvos cun exemplar do mesmo.



Nesta exposición poderedes ver, entre outras cousas, as ilustracións do libro, que son obra do ex-alumno do Couceiro,  Jacobo Muñiz.
Na nosa biblio temos a sorte de contar con tres orixinais que Jacobo regalounos fai uns anos, e que ocupan un lugar privilexiado no noso "Xardín do Pasatempo".



Animádevos a facervos a foto e visitar a exposición que tedes ata finais do mes de Novembro para facelo!!



jueves, 19 de noviembre de 2015

Outono festeiro

A semana pasada, coincidindo día de San Martiño, celebramos no cole o día do Peón e o Magosto.
Foi un día de moita festa, troula e xogo.
Pero toda celebracion leva un traballo previo asociado e, neste caso, o alumnado de 6º de Primaria do grupo de mantemento da biblio, fixo recompilación da nosa literatura popular que plasmou en varios murais informativos que decoran agora a biblioteca e o corredor.


Son chulos, verdade?

O mesmo alumnado foi o encargado de ler o manifesto que limos antes de empezar a xogar coas nosas buxainas:

Para chegar á miña orixe hai que remontarse a tempos que se perden na memoria;esta está nun buxo. Fixéronme no banco de desvastar dun zoqueiro; chantáronme un cravo medio enferruxado e déronme un xeito que semellaba unha pera. De seguido cun cordello medio esfiañado enroscáronme e chimpáronme con forza ao chan e eu dei en virar e virar sen campanear. Gardáronme nunha caixiña.
Ao cabo duns día o zoqueiro ofreceulle aquela caixa ao seu neto, Lelo. Abriuna e, ao verme , alumáronselle os ollos. Desde aquela estivemos xunguidos o un ao outro; sempre que tiña ocasión, xa fora camiño da escola, no recreo... botábame unha bailaretada de cando en vez.
Lelo e eu, eu e Lelo,  chegamos a ser uns campións.
Pero Lelo medrou e chegou un momento en que só el andaba cun peón a cotío. Cun sorriso deume un bico, meteume na caixiña e gardoume no baúl dos recordos.
Alí quedei para sempre, ou a lo menos iso cría. Ata que un día recoñecín a voz e o sorriso do Lelo que a goma do tempo aínda non dera borrado. Xa non era aquel compañeiro de xogos e viña cunha nena. Presentounos: “aquí o meu Viravira e esta é Xela, a miña neta.
Logo me afixen a ela; máis custoume axeitarme ao novo mundo. Mudaran moitas cousas ao longo daqueles máis de 60 anos que eu pasara no baúl.
Un día levoume á escola, que pouco se parecía á de Lelo. Ía celebrarse o Día do Peón. Xela –grazas ao seu avó- era a mestra das mestras bailándome. Sentíame moi feliz con outros peóns. Tamén descubrín neses días cousas moi interesantes que nin sospeitaba.
A primeira foi que disque ata había pouco era o rei de todos os xogos, que tiña irmáns- grandes e pequenos – espallados por todo o mundo, con nomes tan chusqueiros como buxaina, trompo, baldufa, pirinola...
A segunda que, os rapaces agora non xogan fóra porque teñen consola, en troques de asubiar mándanse guasás e cambiaron o io- ió polo Pocoió e ao peón polo esmarfón
Por iso, o Día do Peón ven a ser unha ocasión inmellorable para homenaxear aqueles enredos e xogos, agora esquencidos, e na medida do posible recuperalos.

O día chegou!!!

Adiante rapaces e rapazas!
Enroscádeme a piola porque sen capa non podo bailar.
Erguede os brazos ao ceo!
Á de unha, á de dúas e á de tres, lanzádeme a todo fungar!
Eu virarei e virarei...polo medio e o arredore
E vós, nenos e nenas, mantede vivos os xogos de sempre.

( Adaptación do manifesto escrito por Secundino García Mera)


Podedes desfrutar recordando connosco os mellores momentos dese día con estas imaxes: 







VIVA O MAGOSTO! 

VIVA O PEÓN!

VIVA O OUTONO FESTEIRO!!

lunes, 9 de noviembre de 2015

Unha semana terrorífica!!

Durante a pasada semana todo o cole mergullouse na celebración do Samaín a nosa biblio transformouse nun lugar arrepiante onde durante todos os días na hora de ler os monstros, bruxas e demais seres terroríficos cobraban vida para goce de pequenos e maiores.
Os nenos e nenas dos distintos ciclos foron participando nesta actividade na que as distintas mestras e mestre deron vida a "Un pesadelo no meu armario", "A bruxa regañadentes", "A min no me comas!", "Raquel ten medo" e "Arrepíos e outros medos".

Foi unha experiencia estupenda, non sí?


Deixámosvos tamén o vídeo con todas as cabazas que os rapaces e rapazas do Couceiro trouxeron ao cole para espantar, e abraiar a partes iguais, a compañeiros e profes. Son máis de 300 así que moito ollo para atopar a vosa!!



Coma sempre, moitas grazas a todas as familias pola vosa colaboración nesta festa.

Ata a próxima semana do medoooo!!!

miércoles, 14 de octubre de 2015

O viaxe das mochilas comenza xa!!

Un ano máis, o 7º curso dende que esta idea comezou a camiñar no ano 2009,  as MOCHILAS VIAXEIRAS visitan as casas de todo o alumnado do Couceiro.


Todas van cheas de libros, pelis, música,... para encher o tempo de lecer coas vosas familias, e que os axudantes de Güino no cole escolleron en prepararon con moito mimo.

Recordade que cada mochila contén información para as familias, normas, contidos e un CADERNO VIAXEIRO no que o alumnado poderá debuxar, facer comentarios ...
Por último, as familias tamén poderán realizar os comentarios e suxestións que consideren oportunas nun apartado dentro do caderno. 
Lembrade, unha folla do caderno por nen@. 


As mochilas sairán do colexio os venres e retornarán os xoves. 

Dende a biblioteca, GÜINO desexa que teñades un curso cheo de boas lecturas.

Arranca un novo curso!!!

O verán xa rematou e en Bibliocouceiro xa estamos coas pilas ben cargadas para empezar este novo curso, e ademais con moitas novidades!!

O primeiro que temos que contarvos e que a nosa mascota, Güino, pasou un verán do máis fresquiño polas frías augas do Antártico. Alí gozou moito, bañouse para limpar a súa pelaxe, comeu moito peixe e voltou ao cole do máis guapo!! Verdade??

Por outra banda, tamén na biblio hai varios cambios. 
Temos un novo andel para que poidades descobrir todas as novidades que van chegando. De momento non as imos prestar para levar a casa pero podedes visitar a biblio para coñecelas todas!!

Tamén hai un novo moble de audiovisuais onde  poderedes gozar escoitando e vendo distintos títulos que incorporan CD´s tanto en galego, castelán e inglés. 




Desexámosvos un moi bo curso 2015- 16!! Esperámosvos en Bibliocouceiro!!

martes, 2 de junio de 2015

Recomendacións lectoras para o verán

     Outro curso máis chegamos ao remate. Cambiamos de escenario. Chega o tempo de vacacións, de praia, de montaña,... Ata a nosa biblioteca pecha e,... GÜINO vaise de vacacións cara o norte buscando un aire máis fresco. As que non pechan nunca son as nosas gañas de ler na busca de novas aventuras, novos coñecementos, novos relatos,... que nos encherán este tempo de lecer...Aquí van algunhas recomendacións. Esperamos que vos gusten e...QUE VIVA O VERÁN!!!

Álbum bilingüe 2015

   
    Neste último trimestre enchéronse, por cuarto ano consecutivo, os corredores de nenos e nenas do centro á procura de cromos e vocabulario.

Trátase do ÁLBUM BILINGÜE que neste curso 2014- 2015 tivo como temática "OS DEPORTES"


O noso alumnado, dividido en grupos, ten que completar o álbum o antes posible, pegando os cromos e escribindo o nome dos diferentes deportes  en galego ou inglés segundo  corresponda. 


Sempre resulta un éxito de participación e cooperación entre os diferentes equipos e diferentes niveis de idades pois teñen que intercambiar cromos entre todos  eles para completar o álbum.  


Esta actividade, na que participou todo o alumnado do centro, estivo organizada pola biblioteca   e  coordinada polo Departamento de Inglés e polo EDNL do colexio.

viernes, 29 de mayo de 2015

Lecturas compartidas

O alumnado do TERCEIRO CICLO de primaria acode ás aulas de infantil e primeiro nivel do PRIMEIRO CICLO a ler, contar, dramatizar un conto. Participa nesta actividade todo o alumnado do TERCEIRO CICLO mediante quendas organizadas en colaboración co EDNL do centro e lévase a cabo ao longo de todo o curso. Cada xoves, no tempo da HORA DE LER, oito alumn@s deixan por un día as súas actividades propias de lectura e acoden as aulas do alumnado antes mencionado e son os protagonistas dese tempo lendo, contando, dramatizando un conto que eles mesmos escolleron na biblioteca. Cada alumn@ ten liberdade para preparar o seu conto aportando voces, xestos, vestiario, música, debuxos, ... para complementar o argumento do conto. Conforme van participando e collendo seguridade van achegando máis elementos. Un dos obxectivos é buscar a participación, a complicidade dos máis pequenos, que non sexan só meros espectadores, senón que  se sintan involucrados na trama do conto, repetindo frases sinxelas, onomatopeias, cantigas,...e todos pásono en grande!!!
 

jueves, 28 de mayo de 2015

Presentación-exposición de novidades. A banda deseñada.

     
  Desde a biblioteca realizamos unha exposición-presentación de novidades incorporadas á sección de BANDA DESEÑADA.  Un dos obxectivos para este curso era iniciar unha renovación/actualización dos fondos desta sección que que conta con moitos seguidores entre o alumnado do centro pero que estaba un pouquiño anticuada e algúns dos fondos deteriorados polo uso e movemento de continuos empréstitos. Incorporamos novos títulos que esperamos que fagan deste rincón un lugar máis atractivo, dinámico e ilusionante. De momento a exposición está aberta no corredor do centro para que o alumnado, ben a título individual ou ben acompañado polo profesorado dos diferentes niveis acuda a familiarizarse cos novos títulos. A resposta está a ser fantástica!!! 

sábado, 23 de mayo de 2015

Letras Galegas 2015

        Un dos actos centrais orgnanizados desde a biblioteca ao longo do curso,  e neste tema coa colaboración do EDNL do centro, é a celebración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS. Este ano contamos, para darlle máis pulo a esta xornada,  coa presenza do escritor de FERROLTERRA  ANTÓN CORTIZAS do que xa nas datas previas realizamos unha exposición dos fondos da nosa biblioteca  entre os que destacamos os dous libros relacionados co xogo poular elaborados por este autor galego, CHIRLOSMIRLOS e TASTARABÁS.
A primeira parte da celebración estivo adicada en primeiro lugar a resaltar e dar a coñecer un pouquiño máis a XOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE  figura das nosas letras homenaxeada este ano 2015. O alumnado de SEXTO encargouse de realizar unha presentación da vida e obra deste escritor galego intercalada con anacos da súa obra tanto en prosa coma en verso.
           A continuación realizouse a presentación do libro XOGOS TRADICIONAIS DE PONTEDEUME que é unha recompilación de xogos populares realizada polo centro dende hai varios cursos coa colaboración de toda a comunidade educativa e coordinada polo
EDNL do centro. O deseño da portada foi elaborada por JUAN MANUEL RUBIO, pai de dous alumnos do centro e o orixinal enmarcámolo para que figure no noso XARDÍN DO PASATEMPO. O encargado de facer a presentación foi ANTÓN CORTIZAS e tamén da posterior animación do acto con diversos xogos populares e a participación do alumnado. Foi un acto moi emotivo e agradecemos a ANTÓN CORTIZAS  a súa presenza e dinamización do acto.
                       A segunda parte desta celebración estivo adicada  ao VII CERTAME DE POESÍA "COUCEIRO FREIJOMIL", no que este ano, ademais do certame tradicional que viñamos celebrando nestes últimos anos, engadimos un apartado especial adicado á POESÍA MATEMÁTICA, respondendo ao lema elixido para este ano por parte de BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA  "Biblioteca escolar...matemático!!!". Foi un éxito rotundo na participación e creación deste tipo de poesía realizado ao longo dos meses de abril/maio nas diferentes aulas do centro.

jueves, 21 de mayo de 2015

Exposición sobre Antón Cortizas


Con motivo da celebración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS, vainos visitar o escritor ANTÓN CORTIZAS. A biblioteca do centro realizou unha exposición dos libros que a propia biblioteca ten como fondos nos seus andeeis e que abranguen un amplo abano da literatura infantil e xuvenil así coma dous libros esenciais deste escritor de FERROLTERRA relacionados co XOGO POULAR. Por un lando CHIRLOSMIRLOS, xa publicado hai uns anos, e polo outro TASTARABÁS de recente publicación Ambolosdous recompilán un gran número de xogos produto dun gran traballo de investigación deste escritor  referente na recuperación do xogo popular. A exposición está a disposición do alumnado que pode acudir á mesma nos tempos de lecer ou ben organizados nas diferentes titorías do centro. Que a disfrutedes!!!


lunes, 4 de mayo de 2015

Os Maios

Un ano máis celebramos a festa dos MAIOS. Festa de exaltación da primavera que no noso centro ten fonda tradición. Por uns días o noso entorno énchese de cores que aportan os distintos compoñentes vexetais das plantas e flores que compoñen os maios. Énchese  tamén de poesía e de música para exaltar estas construcións elaboradas coa participación de toda a comunidade educativa. Familias, alumnado, profesorado,... contribúen coas súas aportacións a realzar unha festa que comeza no propio centro e continúa  despois pola vila que, conxuntamente con outros maios,  construídos nos outros centros e asociacións,  participan  no certame anual convocado polo concello enchendo as rúas da vila de colorido, música, poesía, baile,...Este ano foron catro os maios construídos para a ocasión e unha vez máis a poesía, as cantigas dos maios, foron protagonistas. Estas cantigas son realizadas polo propio alumnado baixo a supervisión do profesorado con música ás veces orixinal e outras con melódias de música tradicional.


martes, 28 de abril de 2015

Día do libro e San Xurxo

Nas Seccións Bilingües do centro, e coa colaboración co Equipo de Biblioteca, traballamos durante a SEMANA DO LIBRO, cunha presentación a cargo do noso auxiliar de conversa Patrick Oakes sobre Saint George. O alumnado de 4º, 5º e 6º (uns 120 alumnos/as) que forman parte destas seccións, escoitaron a presentación sobre SAN XURXO e a lenda deste persoeiro cun dragón. Tras traballar a comprensión oral cada alumno/a,  utilizando cadanseu libro da biblioteca de aula, fixo un resumo con representación gráfica . Ao mesmo tempo, nas clases de plástica bilingüe, realizaron unhas maquetas 3D sobre castelos e cabaleiros e unha ficha de cores cálidas e frías coa temática de san Xurxo e o dragón. Foi unha semana de traballo colaborativo, de información e investigación entre os diferentes equipos do centro. 

domingo, 12 de abril de 2015

Augusta e os seus medos

    Na biblioteca do centro tivo lugar a presentación do libro AUGUSTA E OS SEUS MEDOS a cargo do CONTACONTOS IAGO e dirixida ao alumnado do PRIMEIRO CICLO DE PRIMARIA.
    Augusta é unha nena que está chea de soños, pero é tan medrosa que non consegue que ningún se lle cumpra. Ten medo a voar, medo a que se rían dela, medo a probar cousas novas...Un día, cansa de sentirse así, pídelles axuda aos seus pais. A partir dese momento, terá que pasar diferentes probas para decatarse de que a única forma de superar os medos é enfrontándose a eles...
    O alumnado pasou un rato moi divertido e moi participativo e disfrutou cos relatos de IAGO


jueves, 9 de abril de 2015

Teatro e poesía

Co gallo da celebración do DÍA DA POESÍA e do DÍA DO TEATRO, celebramos un acto conxunto no que participou todo o alumnado do centro e, como non podía ser doutro xeito, a mellor maneira de celebrar o DÍA DO TEATRO foi... facendo teatro. Dúas foron as obras representadas. Por un lado o alumnado de 5ºA representou a obra de CÁNDIDO PAZÓ titulada O MERLO BRANCO e,  por outra banda, o alumnado de 4ºB representou a obra TODO É UN CONTO. As dúas obras foron moi aplaudidas e os espectadores, entre os que se atopaban as familias dos dous cursos que foron especialmente invitadas ao acto, pasárono xenial. Entre ambalasdúas obras realizouse a presentación do  VII CERTAME DE POESÍA "COUCEIRO FREIJOMIL" cuxa fase final terá lugar no festival anual do DÍA DAS LETRAS GALEGAS. Adicarase todo o mes de abril ao traballo da poesía nas aulas  e, posteriormente,  o alumnado poderá presentar as súas poesías orixinais ao certame. Finalmente, presentouse o video elaborado no centro co título EU SON ROSALÍA PORQUE...onde se recollen as aportacións das diferentes aulas á proposta da ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA con motivo do DÍA DE ROSALÍA. Parabéns a todos os participantes polo traballo ben feito  nestas actividades literarias.

lunes, 23 de marzo de 2015

Poesía con Rosalia

       
Desde a biblioteca realizamos unha programación especial para resaltar a figura de  ROSALÍA. Os actos comezaron o día 24 de febreiro DÍA DE ROSALÍA coa lectura e recitado por parte do alumnado do TERCEIRO CICLO DE PRIMARIA de varias das súas poesías e finalizarán o vindeiro 27 de marzo no que celebraremos conxuntamente o DÍA DA POESÍA  e o DÍA DO TEATRO por estar ambalasdúas dátas conmemorativas moi próximas no calendario. Nesta celebración presentaremos o video elaborado a partir da proposta da ASOCIACIÓN DE ESCRITORAS E ESCRITORES EN LINGUA GALEGA baixo o lema EU SON ROSALÍA PORQUE/ CANDO/...
Ao longo deste mes  todo o alumnado do centro, despois de traballar a figura de ROSALÍA  e a súa obra nas respectivas aulas durante a HORA DE LER e nas clases de L. GALEGA, elaboraron de xeito colaborativo, as frases, os motivos, as ideas, os sentimentos,... de por que cada un de nós é, sentímonos ROSALÍA. E este foi o resultado...Parabéns a todo o alumnado polo traballo ben feito!!!


Contacontos en Infantil

Patri e Alex estiveron co alumnado de E. INFANTIL nunha sesión de contacontos que tivo lugar na nosa biblioteca. Como sempre, os contos e os seus personaxes tiveron un especial protagonismo.En SACAPENAS os sombreiros, os zapatos, as nubes, a chuvia, os paxaros xigantes ....Bieito vive amolado polos seus temores, pero a súa avoa ten unha solución....En TÍO LOBO o alumnado disfrutou cos brilantes xogos visuais.... Continuaron aparecendo máis contos como QUEN É ESE BECHO?, onde unha fauna diminuta habita neste simpático conto onde os pequenos e pequenas do cole convertéronse nuns personaxes máis...Pouco a pouco foron aparecendo outros contos,  outros personaxes,  da man de Patri acompañada pola música do acordeón de Alex. Foi unha sesión onde todas e todos disfrutaron un montón...cos contos!!!

miércoles, 18 de marzo de 2015

Día da muller traballadora


     O pasado venres, 6 de marzo, conmemoramos no soso centro o DÍA DA MULLER TRABALLADORA. O alumnado do TERCEIRO CICLO DE PRIMARIA, despois de realizar unha fase previa de investigación e recompilación de información, elaborou un total de dezaoito carteis nos que se resaltaron diferentes ideas, lemas, reflexións, debuxos, composicións artísticas,... referidos á igualdade de xénero. Os traballos realizáronse en equipos mixtos de xeito colaborativo e solidario e posteriormente foron colocados en lugar preferente do corredor do colexio por onde pasou todo o alumnado do centro acompañado dos seus profesores titores e onde se estableceron diálogos e déronse diferentes explicacións sobre os valores na igualdade desde o punto de vista educativo  na sociedade do século XXI. Parabéns a  todos os participantes.

lunes, 23 de febrero de 2015

Pasou o Entroido!!

       Pasou, pasou... como un raio pola vila e bisbarra de Pontedeume. Nós, como todos os anos, celebrámolo por todo o alto. Mágoa do mal tempo, mais isto non foi óbice para gozar, rir, cantar,... cos desfiles e as actuacións de comparsas que interpretaron unhas letras cheas de irónía e bo humor. Letras realizadas nas diferentes aulas do centro nos días previos e que non deixaron a naide indiferente. Trátase dun traballo colaborativo en canto ás propostas temáticas e adaptación ás melodías de cantigas moi populares.  Cada ano escollemos un tema  diferente que serve de ligazón a todo o entroido. Este ano  o tema escollido foi OS ESTILOS MUSICAIS, que nos levaron a realizar un percorrido por todo o mundo. Participou todo o centro  e  serviu como pistoletazo de saíada para o ENTROIDO 2015 en  PONTEDEUME.
Foi unha auténtica FESTA RACHADA!!!

sábado, 14 de febrero de 2015

Día da Paz 2015








Coma todos os anos, chegado o 30 de xaneiro, celebramos no colexio o DÍA DA PAZ. Este ano, por mor do mal tempo, tivemos que realizalo no corredor do centro, pero non por iso deixou de ter o seu significado e serviunos para renovar o compromiso pola paz e a non violencia que tratamos  de levar a cabo neste día e ao longo de todo o ano. O acto estivo adicado a resaltar a figura de Malala Yousafzai, PREMIO NOBEL DA PAZ 2014, e consistiu na lectura dun MANIFESTO elaborado polo alumnado de SEXTO do colexio onde se recollen distintos aspectos dese compromiso, e a escenificación dunha danza paquistaní na que partipou todo o alumnado do centro. Por último comentar que todos os anos, e para rematar o acto, realizamos unha solta de pombas que este ano non poidemos levar a cabo por mor do mal tempo antes sinalado. Foi unha xornada festiva e, sobre todo, de reflexión.

Todo o alumnado do centro realizou de xeito colaborativo este gran mural baixo o lema
UN LAPIS PARA A PAZ no que as nenas e os nenos de E. Infantil e Primaria deixaron  constancia das súas inquedanzas, das súas emocións, dos seus compromisos,... coa PAZ.