CLUB DE LECTURA

martes, 31 de mayo de 2022

E POR FIN FIXEMOS A NOSA EXPOSICIÓN!

O papel da biblioteca escolar está directamente relacionado co desenvolvemento do currículo, con todas as actividades desenvolvidas na escola e coas necesidades dos alumnos especialmente no relativo á información.

Os proxectos documentais integrados (PDI) son actividades nas que o alumnado, ademais de investigar sobre un tema ou problema concreto, familiarízase cos mecanismos de procura de información e traballo intelectual empregando para iso os recursos documentais da nosa Biblioteca Escolar.

O traballo con textos de diferente tipoloxía (literarios, divulgativos, científicos, didácticos...), ou de diferente soporte (libro, audiovisual, informático...), etc. nas distintas áreas do currículo, así como a comprensión dun vocabulario específico en cada materia, contribúe a abrir a porta ao coñecemento e ao crecemento persoal. Non se debe considerar tempo perdido o que se dedica a comprender e a razoar os conceptos e as súas relacións mediante a lectura de textos, sexan estes científicos ou didácticos (enciclopedias,  monografías, páxinas web...), porque esta actividade proporciona capacidade de análise, de relación, de contextualización, de comunicación, etc., necesarias para sobrevivir nun mundo  tecnificado e cambiante. Calquera actividade da vida futura do noso alumnado pasará polo uso sistemático da súa capacidade crítica e  relacional. 

A aprendizaxe baseada en proxectos é un modelo de aprendizaxe que implica ao alumnado na investigación de problemas interesantes, que culminan en produtos auténticos e conleva a consciencia do proceso do proxecto. Na organización de aprendizaxes a partir do método de proxectos, ao poñer ao alumnado fronte a unha situación problemática real, favorécese unha aprendizaxe máis vinculada co mundo fóra da escola o que lle permite adquirir o coñecemento de maneira non  fragmentada ou illada.

Toda a actividade desenvolvida nas nosas aulas ao longo deste curso preséntase nunha exposición na que recollemos algúns dos traballos que se realizaron dentro do noso Proxecto Documental Integrado, que como sabedes este curso versaba sobre a arte. Os produtos finais poden ter formas moi variadas: dossier, conto, páxina Web, museo, exposición, maqueta, documento de  PowerPoint…. 

Nos seguintes vídeos recollemos algunhas imaxes da nosa exposición final. 

Agardamos que sexa do voso agrado, nós estamos moi contentos cós traballos realizados.

Parabéns a todos e a todas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario