O vindeiro venres 29 de outubro celebraremos o Samaín no cole. Traede as vosas cabazas
Aquí vos deixo unhas suxestións para facer a vosa propia cabaza.
Halloween, Samaín ou Todos os Santos, as celebracións arredor do primeiro de novembro veñen de antigo e chegan ata nós máis ou menos transformadas. Na súa versión máis profana ou xa cristianizadas, todas teñen unha orixe común nas culturas indoeuropeas, que festexaban arredor desta data a fin do verán e, con iso, o comezo dun novo ciclo agrícola e tamén dun novo ano, que nacía coa estación escura. Neses días de transición, os espíritos dos mortos andarían entre os vivos, mellor ou peor recibidos. E desa crenza precisamente derivan moitos dos ritos que se manteñen aínda hoxe.
Despois de séculos de reciclaxe festeira os costumes iniciais indoeuropeos mesturáronse con outros achegados polos romanos e mesmo se lles superpuxo, co tempo, a celebración instaurada pola Igrexa para venerar todos os santos dunha vez. O resultado foi que o sentido da celebración orixinaria se perdeu en boa parte de Europa mais si que se mantivo no esencial no chamado espazo celta. Desde alí, da man dos emigrantes irlandeses, saltou no século XIX ata América, onde curiosamente estes ritos pagáns se popularizaron baixo unha denominación, Halloween, procedente da expresión escocesa All Hallows’ Eve (‘a véspera de Todos os Santos’), que botaba un pouco de verniz cristián para camuflar calquera alento druída.
E por fin, desde os Estados Unidos, e convertido xa máis ben nunha festa de disfraces, o Halloween espallouse a moitos outros países. Entre nós, percibíase certa resistencia a copiar esta moda en principio tan allea pero tamén xurdiu a reivindicación de que aquí, tempo atrás, ese día tamén se andaba metendo medo con cabazas arrepiantes ou con nabos, nos menos dos casos. E, xa que se trataba de volver ás orixes indoeuropeas, recuperouse tamén o nome que se lle daba a este rito na cultura celta: samaín, resultado de combinar no irlandés antigo sam ‘verán’ e fuin ‘fin’.
Do Halloween dos norteamericanos ou do Samaín céltico hai quen di que tan inventado, entre nós, é un coma outro, xa que non hai referencias históricas que aboen a súa autenticidade. Sexa como for, o que resulta innegable é o éxito da proposta, cando menos para as grandes superficies e centros de ocio infantil.
Información obtida do seguinte enlace https://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/samain/
No seguinte vídeo tedes algunhas claves para distinguir o Samín do Hallowen.
Esta semana que empezamos centrará os actos do Samaín na nosa escola:
- Na Hora de ler de cada día leremos libros da selección de contos realizada polo equipo da biblioteca escolar.Aquí vos deixamos un vídeo resumo dalgunhas das publiccións que hai na biblioteca a vosa disposición.
- O venres, na Hora de Ler á luz das caveiras e das lanternas leremos ás escuras como todos os anos nos aconsella Güino.
- Na exposición poderedes atopar moitos contos de medo, como por exemplo, este de Carabuñas.
- E toda boa festa vai acompañada de música e baile e o noso Samaín non ía ser menos, a pasalo ben!!! Respectando a distancia social e coa máscara! Xunt@s conseguirémolo!!