CLUB DE LECTURA

lunes, 29 de enero de 2018

Visita ao Acuarium Finisterrae

Os terceiros e cuartos seguen investigando. Hoxe visitan o Acuario da Coruña , mais antes documentáronse moi ben.
Ollade premendo nas imaxes o traballo de aula anterior á saída.

           


 Pronto colgaremos as imaxes da experiencia e os resultados da mesma!!
Aquí tedes unha pequena mostra. Entrade a traves da imaxe.




jueves, 18 de enero de 2018

Na procura da Paz

Estamos a piques de festexar o DÍA DA PAZ E DA NON VIOLENCIA. Nas aulas preparamos as mensaxes para as botellas do mural da entrada do cole, ensaiamos a cantiga e o baile, falamos da paz na clase, na familia, na vila...no mundo.

 O alumnado de 1º e 2º de Primaria elaborou un gran mural da Paz e non Violencia: MERGÚLLATE NUN MAR DE PAZ. Este preside a entrada do noso cole. Nel tod@s escribimos na nosa botella a nosa arela de Paz. Estes desexos viaxarán arredor do mundo por esa autoestrada universal que é o mar.








Güino atopou unha páxina con curtametraxes de  UNICEF e ACNUR que falan doutras realidades, ben diferentes ás nosas que viven nenos e nenas da vosa idade.
É un Proxecto interdisciplinar para traballar o tema dos refuxiados e migrantes.

Seguro que despois de ver, por exemplo , os CONTOS SEN FADAS, podemos reflexionar sobre unha data tan importante como esta con unha mirada diferente.


(Preme e chegarás ás curtametraxes)

Nas aulas,logo de ver as curtametraxes e coñecer outras realidades, estamos a elaborar mensaxes de Paz: Cada nen@ escribe a súa mensaxe , o seu desexo, nun lazo.Amarrando as  arelas de cada aula faise unha fita ben longa.Cada nivel ten a súa cor.


Coas fitas faremos dúas   bandeiras de pregarias tibetanas.

                                              (Preme na imaxe para ver a orixe destas)

Todo o cole aprendeu coa axuda de Emilio, o profe de Música unha canción que fala da Paz, que cantamos e bailamos mentres os representantes das diferentes aulas facían xirar as cintas e espallaban os desexos de Paz de todo o alumnado.


 Por último, como cada ano, ceibamos as pombas mensaxeiras, que achega ao cole a profe Sabela.
Esperamos que as nosas Pombas da paz   voen levando o espíritu desta data a todas as nosas casas e moito máis aló, a aquelas outras familias que viven nunha realidade ben distinta por estarem en guerra, en campos de refuxiados, convivir coa violencia de xénero...



Aquí está o acto central do Día da Paz e non Violencia







martes, 16 de enero de 2018

Protexendo aos pingüíns


O Exército Español está a facer unha "Campaña de apadriñamento de pingüíns". Sabedoras do que vos gustan estes animais colegas do noso Güino, animámosvos a participar.

Lede o que  din na páxina do Exército Español!!

"No noso compromiso coa Antártida e co medio ambiente, quixemos transmitir aos nosos seguidores a necesidade de implicarse neste propósito. Para iso e a modo testemuñal, lánzase a campaña de apadriñamento de pingüíns 2018, que se iniciase o próximo 8 de xaneiro de 2018 e finalizase o 15 de Marzo de 2018.


O procedemento de solicitude será un sinxelo formulario, o cal unha vez cumprimentado e enviado, será xestionado polo noso persoal e así lograr atender as miles de peticións coa maior prontitude. Lémbrase que, con este actividade, comprométesche a coidar o medio ambiente. Así, o voso pingüín e os seus pitos poderán seguir vivindo na Antártida. Canto mais pingüíns apadriñemos mellor. APADRIÑA."





(Preme na imaxe para apadriñar ao teu pingüín)



Na biblioteca xa temos un xemelgo de Güino apadriñado e tamén se chama GÜINO.

lunes, 15 de enero de 2018

OBRADOIROS DE IGUALDADE PARA EDUCACIÓN INFANTIL

Dentro da campaña da Deputación provincila da Coruña "QUEN DIXO MEDO?"




 que ten como obxectivos:



Realizáronse obradoiros para os maiores de Educación Infantil.

Premede na imaxe para observar o contido desta actividade no noso cole.




jueves, 11 de enero de 2018

Maleta viaxeira para toda a familia

Vós ben coñecedes "As maletas de Güino", non?
 Pois durante un mes teremos outra maleta que  veu viaxando dende Santiago. Unha maleta ben chula para tod@s.
 As Bibliotecas Escolares de Galicia escolleron libros e videos para papás, mamás e para todos nós: "A Maleta das Familias".

 Xa están expostos todos os volumes: os máis aquelados para os pais e nais, na entrada do cole; e os máis axeitados para nós no moble de novidades da biblioteca.
 Os papás e mamás poden botarlles un ollo e lelos mentres vos esperan, e nós podemos levalos á aula coa axuda da profe, ou miralos na bibliotecas.

 Moitas grazas compañeir@s das Bibliotecas Escolares!




Gozade desta maleta, aproveitade ben este mes que logo pasa... Mais xa temos reservada outra supermaleta, a  de banda deseñada, cheíña cos comics que tanto vos gustan.