CLUB DE LECTURA

▼

martes, 6 de octubre de 2026

FORMACIÓN NA RADIO DA ESCOLA PARA MESTRES/AS DA ESCOLA 2026.

 


FORMACIÓN NA RADIO ESCOLAR PARA MESTRES/AS DA ESCOLA 

 A formación tamén forma parte da vida da escola. Por iso, o profesorado do noso centro participou nunha sesión formativa en horario de tarde para aprender a utilizar Radio Falangueira, coñecer mellor os seus recursos e descubrir novas posibilidades para incorporala ao traballo diario co alumnado.

Foi unha sesión moi práctica na que puidemos familiarizarnos cos equipos, perder o medo aos micrófonos, probar, preguntar, equivocarnos, volver intentalo e, sobre todo, aprender xuntos.

Porque ser docente tamén significa seguir aprendendo. A formación continua do profesorado permítenos actualizar coñecementos, compartir experiencias e descubrir novas ferramentas que poden facer as aprendizaxes máis motivadoras, participativas e significativas para o noso alumnado.

A radio escolar é unha ferramenta cun enorme potencial educativo. A través dela podemos traballar a expresión oral, a escoita, a lectura, a escrita, a creatividade, a competencia dixital e o traballo en equipo, ao tempo que damos voz aos nenos e nenas do centro.

Preparar un pequeno programa, facer unha entrevista, gravar unha noticia, contar unha historia ou presentar unha investigación implica organizar ideas, repartir tarefas, respectar quendas de palabra e aprender a comunicarnos mellor.

Radio Falangueira convértese así nun espazo no que o alumnado pode investigar, crear, expresarse e compartir o que aprende coa comunidade educativa.



E como aprender non está rifado con pasalo ben, esta formación tamén nos deixou un momento moi agradable. Entre probas de son, micrófonos, risas e pequenas gravacións compartimos unha tarde diferente, distendida e enriquecedora.

As imaxes que acompañan esta entrada son unha boa mostra dese ambiente: profesorado aprendendo, colaborando e gozando tamén do proceso.

Agora toca levar todo o aprendido ás aulas e facer que Radio Falangueira siga enchendo o noso cole de voces, historias, preguntas, música e aprendizaxes.

Porque unha escola que aprende é unha escola que segue medrando. E en Radio Falangueira… xa estamos preparados para darlle ao REC! 



PDI: 2º A -B COMEZO DO PROXECTO

 En Segundo A e B despegamos no noso proxecto! 🚀 Comezamos cunha exposición de libros que nos motivou moitísimo e que espertou a nosa curiosidade. Despois, paramos a reflexionar: QUE SABEMOS? QUE QUEREMOS SABER? Deixamos voar a imaxinación debuxando como nos imaxinamos o espazo, buscamos palabras nunha sopa de letras…E, por se fose pouco, ata chegou á clase o oso Galaxy co reto de Güino, que nos acompañará nesta emocionante aventura polo universo. Preparados para despegar? 3, 2, 1… comezamos!








PDI: AŔEA DE LINGUA INGLESA, DESPEGAMOS !!

 Despegamos!

En Inglés xa comezamos a viaxe polo noso PDI.

Aprender xogando é a mellor maneira de comezar.
Arrancamos xogando co clásico Bbline, agora con vocabulario especialmente espacial, e escoitamos, aprendemos e creamos  cos titoriais que tanto nos gustan.

A aventura espacial xa está en marcha!


 








viernes, 2 de octubre de 2026

POLOS CREATIVOS E BIBLIOTECA CREATIVA . 6º DE EDUCACIÓN PRIMARIA

 

O alumnado de sexto inicia a súa aventura na robótica


    Este curso, o alumnado de sexto comeza unha nova e emocionante andaina no mundo da robótica da man dos Polos Creativos da Consellería e da Biblioteca Creativa.

A través do programa M-BLOCK e do traballo con robots MAKEBLOCK , as nenas e os nenos terán a oportunidade de achegarse á programación, á tecnoloxía e ao pensamento computacional dun xeito práctico, creativo e divertido.



    Durante as sesións, aprenderán a deseñar solucións, crear instrucións, programar movementos e resolver pequenos retos empregando os robots como ferramentas de aprendizaxe.

A robótica permitiralles desenvolver competencias moi importantes, como a capacidade de traballar en equipo, a comunicación, a organización, a imaxinación e a resolución de problemas. Tamén aprenderán que equivocarse forma parte do proceso e que, con perseveranza e colaboración, é posible atopar novas solucións.

O máis importante é que serán protagonistas da súa propia aprendizaxe: experimentarán, probarán, modificaran as súas propostas e descubrirán pouco a pouco todo o que son capaces de crear. Cada reto será unha oportunidade para investigar, aprender e compartir.












A ilusión xa se pode sentir nas aulas. O alumnado está moi emocionado por comezar esta experiencia, coñecer os robots, aprender a programalos e afrontar os primeiros desafíos. Agardan con entusiasmo cada sesión e teñen moitas ganas de descubrir ata onde poden chegar combinando creatividade, tecnoloxía e traballo en equipo.

Estamos seguros de que este será só o comezo dunha viaxe chea de descubrimentos, ideas e grandes creacións.

A aventura robótica de sexto xa comezou!

SEMANA MUNDIAL DO ESPAZO 2026.

 
Semana Mundial do Espazo 2026:


"A REVOLUCIÓN DOS FOGUETES "





Do 4 ao 10 de outubro celébrase en todo o mundo a Semana Mundial do Espazo. Desde a biblioteca do centro queremos aproveitar esta celebración para viaxar, coa imaxinación e cos libros, máis alá do noso planeta.

Este ano o lema é «A Revolución dos Foguetes», unha oportunidade para descubrir como os foguetes, os satélites e as persoas que investigan o espazo nos axudan a coñecer mellor o Universo e tamén a coidar a Terra.





🌟 Por que se celebra esta semana?

A Semana Mundial do Espazo foi establecida polas Nacións Unidas para lembrar dous momentos moi importantes da historia da exploración espacial:

  • O 4 de outubro de 1957 foi lanzado o Sputnik 1, o primeiro satélite artificial que viaxou arredor da Terra.
  • O 10 de outubro de 1967 entrou en vigor o Tratado do Espazo Ultraterrestre, que promove o uso pacífico do espazo e a cooperación entre os países.

Por iso, todos os anos, entre o 4 e o 10 de outubro, escolas, bibliotecas, museos e entidades de moitos lugares organizan actividades para aprender máis sobre o espazo.

🚀 Que nos achegan os foguetes?

Os foguetes permiten enviar ao espazo satélites, sondas, telescopios e, ás veces, astronautas. Grazas a eles podemos:

  • Explorar a Lúa, Marte e outros lugares do Universo.
  • Estudar o Sol, as estrelas e os planetas.
  • Poñer satélites arredor da Terra.
  • Coñecer mellor o tempo atmosférico.
  • Observar os océanos, os bosques e os incendios.
  • Comunicarnos desde lugares afastados.

Os foguetes son, polo tanto, ferramentas para investigar, aprender e buscar respostas ás grandes preguntas sobre o Universo.

🛰️ O espazo tamén axuda a coidar a Terra




A exploración espacial non consiste só en viaxar lonxe. Moitos satélites observan o noso planeta desde o espazo e proporcionan información moi útil.

Grazas aos satélites podemos saber como se moven as nubes, detectar incendios forestais, estudar os cambios nos océanos e coñecer mellor o estado dos bosques e dos glaciares.

A Terra é a nosa casa e coidala é unha misión de toda a tripulación.

Aprendemos que explorar o espazo tamén nos axuda a protexer o noso planeta.

🤝 Unha celebración para convivir

A Semana Mundial do Espazo tamén nos recorda que as grandes misións se realizan traballando en equipo. Na biblioteca queremos que esta semana sexa unha oportunidade para:

  • Compartir lecturas.
  • Respectar as ideas das demais persoas.
  • Axudarnos nos retos.
  • Coidar os materiais e os espazos comúns.
  • Valorar o que cada neno e cada nena pode achegar.
  • Comprender que cooperando chegamos moito máis lonxe.

Na nosa tripulación escolar, todas as persoas son importantes.


jueves, 1 de octubre de 2026

PDI 4º: UN ASTRONAURA ATERRA EN 4º... E CONTINUAN A VIAXE!

En 4º de Primaria tiveron unha visita moi especial: un pequeno astronauta proxector que, por uns minutos, transformou a aula nun auténtico recuncho do universo. 

Apagaron as luces, observaron as estrelas, deixámronse envolver polas cores e gozaron dun momento diferente, tranquilo e cheo de curiosidade. A experiencia gustoulles tanto que tamén quixeron compartila con outras aulas do centro.

Esta actividade, ademais de ser divertida e relaxante, serviu como pequena proposta motivadora para o PDI deste curso, Couceiro Star: unha escola entre estrelas. Porque antes de investigar, ler, preguntar, crear ou experimentar… tamén é importante sorprenderse.

E aí é onde a nosa biblioteca, Xardín do Pasatempo, ten un papel fundamental. 

A biblioteca é o eixe vertebrador do PDI, o lugar desde o que parten preguntas, lecturas, investigacións e propostas que van conectando as diferentes aulas do centro arredor dun mesmo tema. Este curso, o espazo e a astronomía convértense nunha magnífica escusa para buscar información, descubrir novos libros, formular hipóteses, crear historias e deixar voar a imaxinación.

O noso astronauta non os levou realmente ao espazo, pero conseguiu algo igual de importante: espertar as ganas de saber máis.

Por que brillan as estrelas? Que é unha nebulosa? Como sería vivir nunha estación espacial? Cantos planetas coñecemos? Seguro que moitas destas preguntas acabarán levándonos ata os andeis da biblioteca.

Así comezan ás veces as mellores aprendizaxes: cunha luz no teito, unha pregunta inesperada e moita curiosidade. 

Seguimos despegando desde o Xardín do Pasatempo!
Próxima parada: o universo.
Premede no enlace