CLUB DE LECTURA

martes, 26 de abril de 2016

BiblioCouceiro presenta: Artesáns de Pontedeume

O pasado luns a nosa biblioteca, Xardín do Pasatempo, recibiu a todo o alumnado do cole para presentar "Artesáns de Pontedeume".

Como xa contamos en entradas anteriores, este foi un traballo colectivo, levado a cabo no curso 2007/08 a proposta do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e recollido e publicado neste curso con motivo da conmemoración do Día do Libro.

Para presentalo contamos coa colaboración de Alicia López, unha mestra do Couceiro xubilada, que nese curso levou a cabo o traballo con algúns dos alumnos de infantil; e con Sabela que coordinou todo este proceso de investigación e recolleita de información dende o equipo de Dinamización.

Elas contáronnos como se organizou o traballo dende as aulas, como se fixo a recolleita de información, como foi a colaboración dos familiares e veciños... en definitiva, canto traballo hai detrás deste "pequeno gran libro".

Ademais, Alicia veu cargada de recordos, anécdotas e moitos libros feitos polos alumnos de infantil de xeito colaborativo. Eses libros están expostos na nosa biblioteca durante esta semana. Non dubidedes en achegarvos a velos!!


Para rematar, non marchamos do acto coas mans baleiras, xa que Güino tiña preparado para nós un agasaio: un exemplar de "Artesáns de Pontedeume".

Qué mellor maneira de celebrar o Día do Libro?

Moitas grazas Alicia por colaborar connosco nesta conmemoración!

sábado, 23 de abril de 2016

Día do Libro 2016: Artesáns de Pontedeume

O 23 de abril é un día grande nas bibliotecas xa que se celebra o Día do Libro.

Dende o XARDÍN DO PASATEMPO este curso no Día do Libro publicamos “ARTESÁNS DE PONTEDEUME” , o produto final dun marabilloso traballo por proxectos elaborado no noso centro.




Grazas a todos:

Aos profesionais de Pontedeume que recibíndonos , falándonos das vosas tarefas, amosándonos as vosas ferramentas, fixestes posible a actividade nas aulas que se encheu de coñecemento e valoración do medio máis próximo.

 Ao alumnado e profesorado que mergullándose con entusiasmo na actividade fixo posible o pequeno gran libro que hoxe publicamos.

Para todos vós, para a nosa escola e para o futuro “ARTESÁNS DE PONTEDUME”

jueves, 21 de abril de 2016

Recursos para traballar o Día do Libro

Deixámosvos aquí unha serie de recursos que vos poden ser útiles para traballar o Día do Libro:


  • WebMix Día do Libro: 

  • Información sobre a data elexida para conmemorar o Día do Libro:


Temos correo!!

Hoxe chegou correo a todas as clases do Couceiro!!


Como podedes ver, Xardín do Pasatempo prepárase para a celebración do Día do Libro.

Estade atentos e descubriredes como foi a conmemoración!

jueves, 14 de abril de 2016

Contacontos: Feliz Feroz

Onte os nenos e nenas de 1º e 2º de primaria disfrutaron do lindo grazas a visita do contacontos Iago que trouxo a nosa biblioteca a historia de "Feliz Feroz. O lobiño riquiño" da editorial Xerais.

Este libro conta a historia de un lobiño, sobriño do Lobo Feroz, que é un desastre. A súa mamá está moi preocupada porque o seu fillo non é feroz: é boísimo. Feroz dille que o mande uns días para a súa casa, que xa se encarga el de convertelo nun lobo de verdade. Lobiño visita o seu tío e tenta facer o que lle pide: cazar coellos, asustar a Carapuchiña, comer os tres porquiños… Pero nunca o fai ben: comparte unha ensalada cos coellos, faise amigo de Carapuchiña e ponse a xogar cos tres porquiños.



Se quedades con ganas de saber máis sobre o que lle sucedeu a Lobiño non dubidedes en pasar por BiblioCouceiro!!

martes, 12 de abril de 2016

Extra!! Extra!! O Papagaio xa está aquí!!

Estamos de estrea!!  Un novo xornal en galego para nenos e nenas!


Nace un proxecto editorial novidoso: O PAPAGAIO, un xornal escolar mensual, co obxectivo de achegar aos nenos e nenas de todo o país toda esa información que adoitan ver e escoitar decotío, pero dun xeito máis apropiado ás súas idades e ás súas inquedanzas, nun formato novidoso como é un xornal.

A editorial Moito conto ven de publicar o primeiro número da revista O Papagaio, que podes ler en formato pdf dixital premendo na seguinte imaxe: